11 de xaneiro de 2018. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a resolución da liña de axudas de 470.000 euros que o Goberno da Deputación destina aos 5 equipos da provincia que compiten en Primeira ou Segunda División Nacional e non son Sociedades Anónimas Deportivas. Deste xeito, a distribución do orzamento, que acada os 470.000 euros, é a que sigue:
– 153.927,00 euros para o Burela FS Pescados Rubén, un club referencia en España pois contan con equipo masculino e feminino na elite do Fútbol Sala Nacional.
– 128.272,00 para o Prone, que conta cunha dilatada historia na máxima categoría do fútbol sala nacional. É unha entidade recoñecida internacionalmente, que ten unha forte aposta pola canteira, especialmente, na cidade de Lugo.
– 36.000,00 euros para o Club Perruquería Mixta Friol, que é un claro exemplo de integración e igualdade deportiva. É o único equipo de fútbol feminino nesta categoría.
– 75.700,00 euros para o CB Durán Maquinaria Ensino, que é outro exemplo de igualdade deportiva. O Club está moi preto de cumprir catro décadas formando a numerosas promocións de xogadoras da provincia e manténdose durante este tempo na elite do deporte.
– 76.101,00 euros para o Club Emeve, que é a referencia do voleibol da provincia, un club que loita a diario para dar a coñecer e potenciar este deporte entre a sociedade.