Ribadeo, 23 de xaneiro de 2018. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, fai un balance moi positivo da presenza de Ribadeo en Fitur. A edil subliña que foi unha feira máis dinámica que en edicións anteriores e na que se bateron récords de asistencia. Ana Martínez considera moi importante o traballo realizado pola delegación ribadense desprazada a Madrid.
A responsable de Turismo no Concello de Ribadeo manifestou que “a verdade é que puidemos constatar á hora de reunirnos con diferentes axentes do sector que realmente este ano a feira estaba como máis dinámica, con máis actividade dentro do que é o movemento comercial. Vendo agora os resultados, que se deron durante a fin de semana na televisión, puidemos comprobar que de novo se bateron récords de visitantes tanto a nivel profesional como de visitantes nas horas de apertura a todo o público”.
Ana Martínez declarou que “neste marco onde o turismo internacional é fundamental, onde se reúnen a nivel mundial practicamente todos os países do mundo, precisamente neste marco é onde tratamos de buscar un espazo diferenciador para Ribadeo. Para iso nos reunimos e este ano fixémolo fundamentalmente centrados no turismo internacional. De feito nos últimos datos que demos de turismo, o 12% do turismo que nos visita xa en Ribadeo é internacional”.
A concelleira ribadense salientou que “este ano levábamos o traballo feito para reunirnos con turoperadores internacionais, e pensamos que a mellor maneira de buscar esa desestacionalización que queremos para Ribadeo era buscalo dentro da proximidade. De feito as reunións centráronse co turismo próximo como pode ser Portugal, Francia e a vinculación tamén co mundo anglosaxón, con Inglaterra. Son veciños e todos teñen un pouco a posibilidade de facer escapadas fora de tempada, e creo que era algo que levábamos moi centrado. Unha das reunións principais que tivemos foi coa empresa que xestiona os ferrys que chegan a Bilbao e a Santander dende Francia e Inglaterra. Apostamos por presentar a proximidade aos turoperadores e creo que foi algo que calou bastante ben. Os turoperadores portugueses comentáronos que a diario están mobilizando grupos cara a Santiago de Compostela, e unhas das propostas que nós levábamos era que puidesen incluír nesas rutas diarias que fan a Santiago, a visita á segunda catedral diferente e ademais que marca algo que non poden atopar noutro lado que é unha catedral natural como esta praia das Catedrais que temos en Ribadeo”.
Ana Martínez dixo que “tamén somos conscientes que non soamente en Fitur se traballa o sector de hoteis e de gastronomía, senón que se activa unha economía local vinculada a este mundo do turismo, pero desde logo tocamos moitos outros sectores. Canta máis xente veña máis posibilidade hai de gasto no comercio local, consumo de produtos da zona, mesmo o combustible que se utiliza para os coches e os empregos que se poden xerar arredor dese sector servizos. O que quero dicir é que en Fitur non soamente presentamos o sector hostaleiro senón que levamos toda a oferta de servizos que ten a disposición Ribadeo, para que ese viaxeiro ademais de estar aloxado nun magnífico hotel, como pode ser calquera dos que atope en Ribadeo, e ademais de disfrutar dunha excelente gastronomía, saiba que temos un comercio de calidade que abre todos os días, incluídos os domingos. Con isto vir pasar unha fin de semana a Ribadeo ademais de disfrutar tamén significa mercar, e desde logo que é unha vila con actividade cultural e de ocio practicamente diaria. Ofertamos dinamismo e vida durante toda a semana”.
A concelleira de Turismo lembrou que “nos acordábamos falando este ano en Fitur cunha empresa que nas primeiras feiras que fomos a Valladolid, haberá xa cinco anos, non facía ningunha ruta a Ribadeo, de feito non o tiña nin considerado nos seus catálogos e era unha empresa galega. Agora sei que hai semanas que trae cinco autobuses, entón eu creo que este é un traballo importante”.
Ana Martínez engadiu que “agora nos queda a segunda parte que é facer o seguimento de todos estes contactos para que se materialicen nos próximos catálogos e nas próximas ofertas dos turoperadores e que isto teña, desde logo o máis importante que é o que buscamos en Fitur, unha repercusión económica para o noso comercio e por extensión, aínda que traballamos directamente Ribadeo, creo que isto repercute para toda A Mariña”.