Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares: “unha vez extraídos e analizados os datos da nosa campaña experimental contra a velutina, non podemos acreditar a eficacia na primavera das trampas con atraínte para capturar as raíñas”

140317 Entrega atraíntesCervo, 20 de decembro de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ofreceu esta mañá un balance sobre a campaña experimental que se levou a cabo dende a delegación de Medio Ambiente, para tentar poñer freo á expansión da vespa velutina no noso territorio; e que consistiu na entrega de botes de atraínte de balde aos apicultures do Concello para a creación e instalación de trampas para capturar as raíñas nos meses de primavera, cando os expertos aseguran que saen do seu letargo invernal e comezan a construción dos niños.
O rexedor recordou que durante este ano mantivemos ata catro encontros co medio cento de apicultores do Concello de Cervo, e decidimos poñer en marcha esa estratexia pioneira co fin de tentar minimizar a presenza dos niños no municipio.
Na compra dese líquido, que se entregou ata en dúas ocasións aos apicultores –nos meses de marzo e xuño- investíronse preto de 6.000 euros; e fíxose un reparto equitativo en función do número de colmeas; que suman medio milleiro en total en todo o territorio de Cervo.
Pois ben, unha vez contrastados e analizados os datos extraídos logo dun exhaustivo seguemento dos nosos técnicos durante meses, podemos determinar que os resultados non son os esperados; “e non podemos acreditar, lamentablemente, a eficacia na primavera das trampas con atraínte para capturar as raíñas”.
De feito, todos apicultores do municipio constatan que a presenza desta especie invasora foi en aumento no último ano.
Villares quixo puntualizar que para a posta en marcha desta campaña seguimos, en todo momento, as directrices recollidas na “estratexia de xestión, control e posible erradicación da vespa asiática” do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; que recomenda, en todo caso, instalar o trampeo só na contorna dos colmenares; para evitar posibles impactos indirectos sobre a biodiversidade.
Tal e como se recolle no seguinte cadro o número de niños detectados, eliminados e neutralizados polo G.E.S. foi maior en Cervo que noutros municipios, a pesar do trampeo.
Con todo, Villares sinalou que a experiencia foi positiva porque grazas a este traballo temos na man datos fidedignos para seguir avanzando na investigación e nos métodos que nos permitan minimizar o impacto desta especie invasora. Son datos que imos poñer en coñecemento dos expertos porque cremos que poden ser de utilidade para o estudo do comportamento da vespa velutina e para poder dar cunha solución no futuro.
O rexedor anunciou que logo do Nadal vai manter un novo encontro cos apicultores do Concello para avaliar en conxunto este informe e estudar a liña a seguir nos vindeiros meses.

Exit mobile version