Site icon Crónica3.com A Mariña

Para asistir ao concerto Aquí como en Viena, da banda de Ribadeo, haberá que retirar previamente as entradas, que son de balde. Faise para garantir a seguridade dos asistentes no cine teatro ribadense

Ribadeo, 21 de decembro de 2017. As persoas interesadas en asistir ao concerto Aquí como en Viena da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que se celebrará o día 30 deste mes, terán que retirar as entradas que se entregarán de balde no Cine Teatro ese mesmo día a partir das seis da tarde. Cada persoa poderá recoller dúas como máximo. Esta decisión adoptouse para evitar aglomeracións e garantir a seguridade e a comodidade dos asistentes.
O director da Banda de Música de Ribadeo, David Ballester, anunciou hoxe que “con motivo do concerto de Aquí como en Viena, despois de reunirnos a asociación de Amadores da Música máis eu, decidimos que este ano, como novidade, imos facer unhas entradas para o concerto”.
David Ballester engade que “o concerto, obviamente, será totalmente de balde, pero debido a que os anos anteriores houbo gran afluencia de público e había xente de pé, incluso nalgunha escaleira, por temor a que pase algo e tamén pola comodidade dos asistentes, preferimos facer unhas entradas para non pasarnos do aforo”.
O director da Banda explica que “a maneira de conseguir esas entradas é o mesmo día do concerto, o sábado 30, a partires das seis da tarde na propia taquilla do Teatro. Cada persoa que se achegue a retirar as entradas terá a posibilidade de coller dúas, ou sexa que repartiremos dúas entradas como máximo por persoa. Todo isto faise pola comodidade e a seguridade de todos os asistentes ao concerto”.
Ballester cita “a toda a xente que estea interesada en asistir ao concerto. Desde as seis da tarde ata o inicio da actuación na taquilla do Cine Teatro repartiranse esas entradas”.

Exit mobile version