Ribadeo, 21 de decembro de 2017. As persoas interesadas en asistir ao concerto Aquí como en Viena da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que se celebrará o día 30 deste mes, terán que retirar as entradas que se entregarán de balde no Cine Teatro ese mesmo día a partir das seis da tarde. Cada persoa poderá recoller dúas como máximo. Esta decisión adoptouse para evitar aglomeracións e garantir a seguridade e a comodidade dos asistentes.
O director da Banda de Música de Ribadeo, David Ballester, anunciou hoxe que “con motivo do concerto de Aquí como en Viena, despois de reunirnos a asociación de Amadores da Música máis eu, decidimos que este ano, como novidade, imos facer unhas entradas para o concerto”.
David Ballester engade que “o concerto, obviamente, será totalmente de balde, pero debido a que os anos anteriores houbo gran afluencia de público e había xente de pé, incluso nalgunha escaleira, por temor a que pase algo e tamén pola comodidade dos asistentes, preferimos facer unhas entradas para non pasarnos do aforo”.
O director da Banda explica que “a maneira de conseguir esas entradas é o mesmo día do concerto, o sábado 30, a partires das seis da tarde na propia taquilla do Teatro. Cada persoa que se achegue a retirar as entradas terá a posibilidade de coller dúas, ou sexa que repartiremos dúas entradas como máximo por persoa. Todo isto faise pola comodidade e a seguridade de todos os asistentes ao concerto”.
Ballester cita “a toda a xente que estea interesada en asistir ao concerto. Desde as seis da tarde ata o inicio da actuación na taquilla do Cine Teatro repartiranse esas entradas”.