Cervo (Lugo), 18 de decembro de 2017.- O voceiro socialista de Cervo, Francisco Mon criticou o nulo compromiso do Goberno do Concello de Cervo coa sanidade da Comarca, e acusou ao Alcalde de darlle ás costas aos veciños na defensa da area sanitaria.
Os socialistas de Cervo advirten “que tanto as plataformas sanitarias, as xuntas de persoal, os sindicatos e grupos políticos, incluídos responsables do PP, coinciden en sinalar en que a nova Lei de Saúde é unha porta aberta a máis recortes na sanidade. Din que con esta normativa do PP haberá mais precarización e marxinación dos centros de saúde da contorna”.
Francisco Mon explica que “no último pleno o equipo de Goberno de Cervo rexeitou apoiar a moción da sanidade que defende a Plataforma Sanitaria da Mariña. Nesta proposta reclamase unha xerencia propia con todas as competencias poñendo en valor o Hospital da Costa, e que se dote a este centro con recursos e medios humanos. Tamén se demandou dotala de orzamento, así como crear un grupo de traballo para que desenvolva esta nova normativa, e por último constituír o Consello Sanitario da Area da Mariña”, sinalou.
“Villares ventilou con 8 liñas o seu compromiso coa sanidade de Cervo e da súa Comarca, ese foi o seu respaldo. E entre as súas demandas destaca unha frase na que pide que o Hospital da Costa siga a ser o centro de referencia da Mariña. Polo tanto, vota en contra de dotala con medios, económicos e humanos, pero ao mesmo tempo reclama que siga a ser o centro de referencia da Comarca. Esta é a dobre vara de medir de Villares”, criticou o voceiro socialista.
“Os veciños de Cervo non merecen un Alcalde e un equipo de Goberno que non defende os intereses dos seus veciños. Ademais quero lembrar que fai uns anos, foi a veciñanza de Cervo a que se puxo en pé para defender o peche do Centro de Saúde de Cervo e esixir a reposición dun médico para o centro de saúde de San Ciprián, que había sido eliminado. E ante esta situación Alfonso Villares non moveu un só dedo”, insiste Mon.