Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan a Feijóo de ter “consumado un ataque deliberado contra os pacientes dos hospitais de Burela, Salnés, Monforte e Valdeorras”

Santiago de Compostela, 07 de decembro de 17. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter “consumado un ataque deliberado contra os hospitais das áreas sanitarias eliminadas e os pacientes que son atendidos neles”. Así o dixo logo de coñecer a aprobación en plena ponte da Constitución, da reforma da Lei de Saúde que consolida a integración de Burela, Salnés, Monforte e Valdeorras nas áreas das grandes cidades.

Acusouno de “intentar poñer maquillaxe de mala calidade” a unha reforma que “apuntilla ao modelo sanitario”, xa que “co anuncio da creación de 14 distritos, o que queren agochar é que non van dar un paso atrás na súa folla de ruta para sabotear a sanidade pública”. Critica que “nin sequera teñan a valentía de admitir que tódolos hospitais incluídos nos pretendidos distritos, en realidade son absorbidos polas áreas sanitarias”.

O responsable socialista lamentou que o goberno galego dea unha volta máis no seu “exercicio de covardía profunda” ao consolidar a reforma nunha semana festiva e admitindo a desaparición das áreas comarcais “coa boca pequena e un lamentable exercicio de trilerismo político”. Esta é dixo, a gota que colma o vaso dunha reforma presentada en pleno verán, vetando o debate no Parlamento e pechándose a calquera aportación.

Consolidan hoxe a sexta modificación da Lei de Saúde de Galicia, o que supón unha “reforma de facto” da Lei máis importante da sanidade pública, aprobada en 2012 co voto en contra do PP, dirixida a “apuntillar ao modelo sanitario en base á participación por decreto”, cando 10 dos 18 artigos que modifican apelan a un desenvolvemento posterior por decreto.

Servizos

Torrado acusou ao PP de buscar “afastar servizos e reducir recursos” ao suprimir as áreas sanitarias de Burela, Salnés, Monforte e Valdeorras, en favor dos hospitais centrais. Dixo que o goberno galego consolida a perda de servizos para estes centros, en prexuízo dos pacientes, que teñen que soportar que en Valdeorras unha cita para rehabilitación solicitada o 16 de agosto fora concedida para o 26 de novembro de 2018.

Exit mobile version