Site icon Crónica3.com A Mariña

Os establecementos hostaleiros asociados a Acisa poderán ampliar o seu horario de peche durante as festas de nadal. No caso da noite de fin de ano será por un espazo de tres horas

Ribadeo, 22 de decembro de 2017. Os establecementos hostaleiros asociados a Acisa poderán ampliar o seu horario de peche durante as festas de Nadal, segundo informa hoxe a Asociación de Comerciantes ribadense. Será unha hora durante as madrugadas dos venres e sábados e tamén na do 24 ao 25 decembro. E serán tres horas no caso da noite de fin de ano, sempre de acordo coa respectiva licenza municipal de cada local. Desde a Xunta de Galicia advirten que “esa madrugada, a do 31 de decembro ao 1 de xaneiro, o horario máximo de peche dos locais non poderá superar as 8 da mañá”.
Desde a xunta directiva de Acisa subliñan que “deste xeito todos os locais hostaleiros asociados se poderán beneficiar desta ampliación horaria, que é xestionada pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, que ademais se encarga das taxas correspondentes”.
A xunta directiva fai un balance positivo das actividades realizadas ao longo deste 2017 e traballa xa nas que se desenvolverán no primeiro trimestre de 2018. A primeira cita será a VII Festa do Comercio, que terá lugar o 20 de xaneiro, no Cine Teatro, e subliñan que “o sorteo vai ser moi rápido. E xa adiantamos que haberá algunha sorpresa”. En febreiro será a asemblea xeral de socios e en marzo as eleccións para elixir á nova xunta directiva. Acisa traballa tamén na organización da vindeira gala do comercio.
Acisa aproveita a ocasión para facer unha primeira valoración da campaña de Nadal, que rematará coa Festa do Comercio o 20 de xaneiro: “grazas ao reparto dos tíckets para a pista de xeo natural e os boletos para a Festa do Comercio, vemos como esta campaña comezou con forza e as expectativas son moi boas para a hostalaría e o comercio de aquí a Reis. Queremos animar aos clientes que estes días fagan as súas compras ou consuman nos establecementos dos nosos asociados e asociadas a que pidan as rifas da Festa do Comercio. Teñen ata o 19 de xaneiro para conseguilas”.
Rascas
Por outra banda, o 29 de decembro remata o prazo para reclamar os premios do Rasca de Nadal. Segundo o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “ata o momento levamos entregados máis de 2.200 euros en premios. Sabemos que aínda hai máis rascas premiados de aí que queiramos insistirlles aos clientes da hostalaría, do comercio e dos sector servizos, de Ribadeo, que revise os seus petos e os seus bolsos, que rasquen os seus boletos y que si están premiados poden pasar a recoller os vales do 26 ao 29 de decembro”.
E engade que “a valoración que facemos do Rasca de Nadal é moi boa, xa que tanto socios como clientes amosáronnos a súa gratitude pola mesma, xa que conseguiu repartir cartos por parte de todos os socios e moitos estanse a ver beneficiados por diferentes compras, grazas a eses vales. Polo que estamos vendo é unha campaña que está moi repartida”.

Exit mobile version