Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo di que os saneamentos son unha demanda común dos veciños das parroquias, segundo detectou no ciclo de xuntanzas que mantivo con eles desde o 6 de novembro

201217 CHARLA PP RIBADEO EN VILAUSENDERibadeo, 20 de decembro de 2017. O Partido Popular de Ribadeo fai balance hoxe do ciclo de xuntanzas nas parroquias mantidas desde o día 6 de novembro. O seu portavoz, Jesús López Penabad, salienta a grande afluencia de veciños que asistiron ás 17 reunións, nas que houbo unha demanda común, que é a necesidade de saneamentos.
López Penabad manifestou: “desde o Partido Popular vimos de rematar as xuntanzas que tivemos nas distintas parroquias de Ribadeo cos veciños. Estivemos en Ove, Vilaselán, Piñeira, Rinlo, Vilaframil, A Devesa, A Rochela, Vilela, Covelas, Cedofeita, Arante, As Anzas, Remourelle, Vilamariz, Couxela, Santalla de Vilausende e Piñeiro. En todas elas resultounos moi gratificante e proveitosa a visita que fixemos. En definitiva un grupo que opta a ser goberno municipal ten que estar en contacto coa xente. Iso é o que perseguíamos e atopámonos con gran afluencia de público, comentando temas municipais e á súa vez atendendo as demandas e necesidades que teñan en cada parroquia”.
O voceiro do PP subliña que “unha demanda común que hai en todo Ribadeo é a necesidade de saneamentos, sobre todo nas parroquias pero tamén en determinados puntos concretos do casco urbano, como xa levamos dicindo desde hai moito tempo. Foi un tema común en todas as reunións porque é unha necesidade importante, máis quizais nas parroquias da costa, pero foi unha petición común en todas as xuntanzas, nas que tamén se trataron outros temas particulares de cada lugar”.
O portavoz do Partido Popular asegura que “foi interesante. Houbo unha afluencia maior de veciños que noutras visitas que fixéramos, por exemplo nas campañas electorais. O que perseguimos é ter contacto coa xente e que nos transmitan as súas demandas e necesidades, para que nosoutros, desde o lugar que ocupamos na oposición ribadense, poidamos loitar e transmitir esas necesidades para que sexan solucionadas da mellor maneira posible”.
Jesús López engade que “é unha experiencia que empezamos agora, a finais do 2017; as eleccións municipais están previstas para o 2019 e antes repetiremos esta iniciativa, porque optamos a gobernar Ribadeo e polo tanto temos que estar en contacto directo coa xente, que nos terá á súa disposición nas nosas visitas e sempre que nos necesiten”.
O portavoz do PP quere “agradecer a gran presenza de veciños que tivemos nas reunións”.
Jesús López Penabad aproveitou ademais para “felicitar a todos os ribadenses as festas de Noiteboa e Nadal, Ano Vello e Aninovo e Reis. Que sexan unhas felices festas, con saúde e que as gocen en familia ou cada un como o estime oportuno, pero que sexan unhas felices festas para todos. É o desexo do Partido Popular de Ribadeo”.

Exit mobile version