O portavoz do PP no Concello ribadense, Jesús López Penabad, explicou: “alegrámonos moito de que hoxe recibimos o tractor que a Xunta de Galicia aporta a Ribadeo. É un exemplo máis dos investimentos da Xunta para Ribadeo e neste caso pódese ver e esperemos que se note. Terá que haber un traballador municipal máis para ese tractor con dúas desbrozadoras, unha arrastrada e outra de brazo. Polo tanto agora o Concello ten medios para facer o dobre de traballos que facía cun tractor”.
Jesús López Penabad destacou que “isto é a contraposición ao que sempre di o alcalde, que a Xunta non dá para Ribadeo. Este é un exemplo palpable e comprobable por todos os ribadenses. Verase máis polas parroquias, que é onde ten que facer o seu traballo. É un investimento de 90.000 euros por parte da Xunta de Galicia e o Concello pon o IVA”.
O voceiro popular tamén anunciou que “a Consellería de Economía, Emprego e Industria autorizou a Concello de Ribadeo, entre outros, á contratación de novos operarios municipais perceptores da RISGA, que a Renda de Integración Social de Galicia. Na actualidade hai cinco, que subvenciona tamén a Xunta, e agora concédelle a Ribadeo outros cinco máis”.
López Penabad engadiu que “son dous exemplos máis do que inviste a Xunta de Galicia en Ribadeo. Todos desexamos que sexa o máximo posible e desde o PP tamén o reclamamos, pero hai que recordar que normalmente as axudas son por concorrencia competitiva, porque só en Lugo hai 67 concellos e en Galicia máis de 300 e todos pedirán, pero Ribadeo tamén recibe. Xa sei que isto non lle chega ao señor alcalde porque a letanía que ten sempre é que a Xunta non dá, pero vese que non é así. E as cousas que son palpables debemos anuncialas para desmentir o que di todos os días, que a Xunta non dá”.