Lugo, 11 de decembro de 2017. O Goberno da Deputación resolveu durante a xornada deste luns máis de 44 incidencias rexistradas en varios municipios lucenses, por mor do temporal que arestora está a atravesar a provincia de Lugo. Foron incidencias relacionadas con caídas de árbores, inundacións en vías e pequenas acumulacións de neve en varios Concellos da Montaña.
Nestes intres, pódese circular con normalidade pola rede viaria, aínda que se recomenda facelo con precaución. Durante toda a xornada de hoxe, os técnicos do parque móbil continuarán a resolver calquera incidencia que se produza, co fin de garantir a seguridade da rede provincial. a máis extensa do estado.
Destacan, por exemplo, actuacións na LU-P-6608, que é a estrada que vai a Landrove, no Concello de Viveiro. Durante unhas horas da madrugada, e por mor das intensas mareas, tivo que cortarse ao tráfico. Nestes intres, a estrada xa está aberta.
No que a acumulacións de neve e xeo se refire, os técnicos provinciais están a traballar para acondicionar todas as vías de Concellos da Montaña lucenses, como son Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz e a Fonsagrada, polas que se pode circular tamén con normalidade.
Arrastre de terras e cinzas
O Goberno da Deputación reforzou ademais os traballos en estradas do Concello de Cervantes, no que houbo arrastre de terras e cinzas debido aos lumes que arrasaron centos de hectáreas deste municipio. Para elo, o Executivo Provincial destinou unha máquina de cadeas, unha pala mixta e un equipo de 8 técnicos que están a estas horas a acondicionar os terreos afectados.