A edil de Xuventude, Dolores García Caramés, achegouse ata o IES Marqués de Sargadelos para presentarlles as actividades aos rapaces, que se desenvolverán os días 26, 27, 28 e 29 de decembro,
En concreto, o martes 26 de decembro, a partir das 17:00 horas, no Pavillón da Veiga, haberá volei 3×3, baloncesto 3×3 e fútbol 3×3; ademais de pádel e ultimate; que é un deporte de equipo que se xoga con frisbee.
O mércores 27 de decembro, tamén a partir das 17:00 horas, no Pavillón da Veiga, os rapaces poden practicar sumo e loita, divertirse no rocódromo, na pista americana, nos karts a pedais, na barredora, no toro ou coa zorb ball.
Para o xoves 28 de decembro, á mesma hora, na Casa da Cultura de San Cibrao, a delegación de Xuventude está a preparar unha divertida actividade bautizada como escape room ou habitación de escape. Un xogo de aventura físco e mental, no que os participantes estarán encerrados nun cuarto e deberán enfrontarse a diferentes probas e enigmas para conseguir escapar antes de que finalice o tempo.
Xa o venres 29 de decembro terá lugar a clausura do programa durante o Festival Callo Fest; na carpa instalada para a ocasión na Praza dos Campos. Será ás 20:00 horas; haberá medallas para todos os participantes e vales de 50 e 100 euros para os mellores xogadores da cada actividade e categoría, que deberán gastar no comercio local.
Os interesados en participar no programa deben inscribirse na Casa da Cultura de San Ciprián, enviando un whatsapp ao teléfono 691.656.600; ou enviando un correo a dinamizacion@concellodecervo.com
Caramés sinalou que o que pretendemos coa axenda que deseñamos este Nadal é ofrecer alternativas de ocio a todas a franxas de idade; e, neste caso, penso que os máis novos desfrutarán con este calendario de divertidas actividades, moitas delas novidosas.
Enredos de Nadal
Co obxectivo de favorecer a conciliación nestes días de lecer, o Concello de Cervo tamén programou os Enredos de Nadal, dirixidos aos nenos a partir de 6 anos. Serán o 26,27 e 28 de decembro; entre as 11:00 e as 12:30 horas para os pequenos de infantil; e entre as 12:30 e as 14:00 horas para os de primaria, tanto na Casa do Mar de San Ciprián como na Praza do Souto, en Cervo; ou no Ecomuseo se o tempo non acompaña.
E tamén o 27 e 28 de decembro os nenos poderán enredar de tarde na Praza do Souto (Ou Ecomuseo) a partir das 17:00 horas. A inscrición debe facerse o mesmo día da actividade.