Cervo, 21 de decembro de 2017.- O Concello de Cervo vén de editar 1000 exemplares da guía de boas prácticas de reciclaxe Cervo recicla O Nadal.
O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, desprazáronse ata os centros educativos da localidade para entregarlle aos alumnos o manual co fin de que chegue a cada un dos fogares do noso municipio.
No Ceip Cervo nº1 tiveron un axudante moi especial, o mesmísimo Papá Noel, que chegaba nese intre a visitar aos nenos e axudou no reparto.
Tal e como explicou o rexedor, o que perseguimos con esta iniciativa é reforzar nestas datas de lecer, de reencontros e de celebracións nas que o consumo se multiplica, esa mensaxe de concienciación entre a cidadanía, para que sexamos conscientes da importancia de reducir o innecesario e de reciclar o que pode ter outras utilidades, favorecendo o medio ambiente e contribuíndo a conservar os nosos recursos.
Así este manual fai un recordatorio moi gráfico e ilustrativo dos diferentes colectores que temos á nosa disposición para reciclar, recorda en que consiste a experiencia da compostaxe doméstica; algo no que dende o Concello de Cervo levamos traballando anos a través dunha campaña na que entregamos composteiros de balde aos veciños que nolo solicitan; e xa son máis de 170 as familias que contan cun recipiente a día de hoxe nos seus fogares. Ademais, temos que recordar, que para favorecer esta práctica entre o coxunto da poboación, este vindeiro ano imos instalar colectores específicos de tapa marrón en lugares estratéxicos do noso Concello para este fin.
No caderno tamén se nos insta a mudar vellos hábitos e a que apliquemos a teoría dos tres erres: Reducir, Reutilizar, Reciclar; e ofrécennos consellos útiles a ter en conta nestas Festas como a importancia de planificar de antemán canto imos mercar, evitar o exceso de embalaxes; envolver os nosos agasallos en papel reciclado; ou, por exemplo, cando pasen as Festas, darlle unha oportunidade á nosa árbore de seguir viva.
Reutilizar os xoguetes, consellos sobre que facer coas pilas usadas, os electrodomésticos ou os móbiles, son outras temáticas que se abordan no libro de boas prácticas.
O Concello de Cervo fixo chegar tamén un lote de libros aos diferentes comercios locais para que os entreguen aos seus clientes; e, entre todos, botarlle unha man ao medio ambiente, tamén durante o Nadal.