Móvete 15 é unha actividade que coordina Óscar Rodríguez, que ademais de director é tamén profesor de Educación Física, e consiste en que todo o colexio sae a andar 15′ todos os días. Ademais no centro practícanse duathlon ou campo a través e organizan a semana da bicicleta e o día da comida saudable, entre outras citas.
Basket por Libros, así se denomina a actividade na que participan alumnos e alumnas do CEIP Curros Enríquez, de Celanova (Ourense), con idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos, baixo a coordinación do mariñán Xoán Vila, quen explicaba hai uns meses, cando puxo en marcha esta iniciativa, que “consiste en promocionar o baloncesto e a lectura”.
Hai que lembrar que o que fan estes rapaces é pagar a súa asistencia a clases de basket lendo libros, 1 ao mes como mínimo. Durante tres sesións de adestramento á semana practican basket, despois de dedicar un tempo na súa casa ou no colexio á lectura.
O traballo realizado ao longo dos últimos meses xa tivo tamén a súa recompensa porque se foi renovando o equipamento para a práctica deste deporte no CEIP Curros Enríquez, de Celanova.
Óscar Rodríguez e Xoán Vila amosáronse satisfeitos por este Premio do Deporte Galego 2016, “aínda que as actividades parten do departamento de Educación Física, todo o claustro se implica. E iso é moi importante para poder levar adiante todo este traballo”.