Site icon Crónica3.com A Mariña

O alumnado do obradoiro de xardinería de Burela realizará traballos na nova escola infantil, segundo adiantou o Alcalde, Alfredo Llano

211217 Foto visita obradoiro alcaldeBurela, 21 de decembro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, visitou esta mañá ao alumnado do obradoiro de xardinería, que xa realizou moitos traballos en rúas, parques e xardíns e na vindeira primavera actuarán tamén na nova escola infantil. O rexedor destaca que van deixar unha boa pegada do seu labor en Burela.
Llano contou que “fixen unha visita esta mañá ao obradoiro de xardineira, fun co propósito de desexarlles Bo Nadal porque a partir de mañá xa collen un descanso para gozar destes días de festa”.
O alcalde burelés explicou que “estivemos falando do proxecto que hai para Burela no curso, de todo o que está programado. Xa levan participado e feito moitas actuacións en todo o pobo, tanto en Arcadio Pardiñas como en diferentes parques, xardíns e tamén en prazas e rúas”.
O rexedor anunciou que “agora estamos mirando de establecer un proxecto bonito para a escola infantil que imos preparar para a primavera. Están ilusionados nese aspecto e polo tanto penso que van deixar unha pegada na forma de tratar a xardinería aquí en Burela”.
Alfredo Llano pensa que “é un obradoiro que realmente cumpre as expectativas para o que o solicitamos. Estano levando ben estes sete alumnos que conforman a unidade de Burela, e pensamos que vai ser unha boa cousa para eles porque a formación que están agora mesmo acabando é moi boa para que lles valga para unha profesión que teña que ver coa xardinería ou con estes temas”.
O alcalde engadiu que “están ilusionados eles e estamos tamén nosoutros moi conformes de ter solicitado este obradoiro porque realmente si que se nota que están traballando, que están aprendendo e desde logo que están cumprindo coa expectativa que tíñamos para eles en Burela, e tamén vai notar Burela a súa presenza”.

Exit mobile version