O programa, que leva por nome unha palabra en swahili que significa ‘raíñas’, busca incrementar as redes de apoio social das mulleres que participan, mellorar o seu benestar emocional e a posibilidade de afrontar situacións persoais, familiares e sociais a través de espazos grupais e comunitarios, e sensibilizar á cidadanía sobre a situación da muller migrante a través dun enfoque de igualdade de xénero.
Os contidos do programa foron a resposta ás demandas das mulleres que participaron e ás necesidades que se detectaron, como foron autoestima, afectividade e relacións sexuais, corresponsabilidade, saúde e adiccións, vantaxes e perigos das novas tecnoloxías, inclusión social e non discriminación, manexos do patriarcado, empoderamento das mulleres e cooperación e asociacionismo.
No programa, cofinaciado pola Xunta de Galicia, participaron 388 mulleres de entre 18 e 67 anos en risco de exclusión social e en situación de vulnerabilidade. 161 na Coruña, 128 en Ourense, 87 en Vigo e 12 en Lugo.
Homenaxe
Por outra parte, a secretaria xeral da Igualdade participou máis tarde no acto en memoria da que foi presidenta da Asociación de axuda ao enfermo mental da Mariña Iris Castro Meitín que se celebrou en Cervo (Lugo). López Abella louvou o seu labor e destacou a súa gran dedicación á organización da asistencia ás persoas con problemas mentais e o apoio social ás mesmas e ás súas familias, desde o que se fundou o colectivo en 1999 ata a súa morte, este mesmo ano.