Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito de participación no Nadal da TIC con diversas actividades lúdicas relacionadas coas novas tecnoloxías

deputación-nadal ticLugo, 22 de decembro de 2017. Numerosos lucenses de máis de 55 anos participan este venres no Nadal da Tic, que se celebra durante todo o día no InLugo, entidade xestionada pola Fundación TIC da Deputación. O Presidente provincial e da TIC, Darío Campos, o patrón e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sumáronse á xornada compartindo as actividades cos maiores.

Darío Campos subliñou que “é unha satisfacción para nós comprobar como os maiores que se achegan á TIC aprenden a sacarlle o mellor partido ás novas tecnoloxías e como se implican en todo o que facemos. Neste caso, á parte didáctica engádeselle a máis lúdica e divertida, que contribúe a favorecer as relacións entre eles e tamén cos seus amigos e familiares a través das novas tecnoloxías”.

No Nadal da TIC os participantes poden crear música e sons con diversas apps, ser os protagonistas dun calendario de 2018 e recibir consellos sobre os mellores hábitos de alimentación. A xornada, que está aberta a todos os maiores interesados, continuará pola tarde en horario de 16:30 a 19:00 horas.

Panxoliñas ao son de tabletas
Darío Campos, Álvaro Santos e Lara Méndez formaron parte do coro que cantou “Noite de paz” ao son do teclado das tabletas que tocaban varios dos usuarios que estiveron ensaiando estes días para que todo saíse perfecto. Esta panxoliña formou parte do taller TIC Sonoro, no que os maiores teñen acceso a diversas apps con forma de piano ou cordas de guitarra, coas que poden crear música e sons.

TIC Saudable
Nesta xornada tamén ten cabida a alimentación nun obradoiro pensado especialmente para estas datas de excesos gastronómicos. Ademais de recibir información sobre as dietas máis saudables para a poboación en xeral, e os maiores en particular, os participantes teñan a oportunidade de elaborar receitas saudables sinxelas que despois degustaron a media mañá e repetirán á hora da merenda.

Pero o Nadal da TIC inclúe moitas outras activades. Entre elas, as relacionadas coa imaxe, tanto desde o punto de vista da fotografía como do audiovisual. Os maiores coñecen o funcionamento do croma e elixiron entre numerosas paisaxes con ambientación de Nadal, a maioría da nosa provincia. Entrégaselles un calendario de 2018 coa súa foto, que levan as súas casas como recordo.

Exit mobile version