A auga é un elemento da natureza cun papel moi relevante nos ecosistemas. Imprescindible para a vida, é axente de erosión e transporte de sedimentos e nutrintes desde o continente cara ó mar, sen os que non sería posible nin o mantemento das praias nin o equilibrio ecolóxico e produción pesqueira e marisqueira nas nosas rías e costas.
Cando sacamos auga dos cursos fluviais e acuíferos estamos afectando de xeito negativo a eses equilibrios. Por iso sempre debemos actuar conscientemente e axustar a cantidade de auga que usamos á mínima imprescindible. Esta recomendación baseada na nosa responsabilidade como especie tórnase urxencia cando, nesas oscilacións que son habituais nas variables climáticas, chegan épocas de seca. Entón si escoitamos da necesidade de aforrar, ou alternativamente da de incrementar as cantidades extraídas dos cauces naturais para estar mellor preparados fronte a estas eventualidades.
A este respecto cómpre sinalar que aforrar é sempre máis responsable ecolóxicamente, máis barato, máis seguro e máis rápido que incrementar a capacidade de almacenamento. Aforrar nos consumos domésticos é tan sinxelo como sacar o filtro da billa e poñer no seu lugar un filtro aireador de aforro, que custa 2€ (aforro dun 50%). Cambiar o mecanismo da cisterna por un de doble pulsación que custa 10€ (aforro dun 60%). Cambiar a alcachofa da ducha por unha de aforro que custa 15€ (aforro de hasta un 70%). Con estas sinxelas maniobras podemos reducir doada e instantaneamente á metade o noso consumo de auga.
Se non o facemos é por dúas razóns. A primeira delas é o descoñecemento e, en todo caso a preguiza. A segunda é porque quen non ten unha mentalidade solidaria co seu medio non adoita contar tampouco co incentivo económico. Moitos concellos teñen nas tarifas da auga un mínimo de consumo moi elevado: no caso de Ribadeo, por exemplo é de 20.000 litros por mes, que con 3 persoas por vivenda dá para 220 litros diarios por persoa, cifra que cadriplica a cantidade axustada a un consumo responsable.
Solucionar esta situación non é difícil e está nas mans dos nosos alcaldes: o descoñecemento pódese solucionar con obradoiros de “bricolaxe ecolóxico” nos colexios e parroquias. Para o incentivo económico, abonda substituir o “mínimo de consumo” actual por unha taxa de conexión (ó estilo do termo de potencia da factura da luz) e establecer un sistema de tarificación por bloques no que se pague desde o primeiro metro cúbico. O prezo deberá ser baixo para consumos de até ese mínimo recomendable de 2 m3/mes por persoa -idealmente os volúmenes deberán variar en función das persoas empadroadas en cada domicilio-, ir subindo progresivamente para un segundo escalón de consumo pouco eficiente (até o doble) e dispararse para o terceiro escalón de consumo excesivo. Deste modo a veciñanza contará cun aliciente para reducir o seu consumo e implementar medidas de aforro.
Agardemos que as indicacións de Augas de Galicia desta semana veñan na dirección de difundir tecnoloóas de aforro e modificar as ordenanzas fiscais de tarificación da auga. Se non é así, tal como van as cousas, imos comezar a ver gobernantes pedindo caras e danosas obras de embalses e depósitos no canto de visibilizar e promover as eficientes e baratas tecnoloxías de aforro que habitan nos recunchos máis escuros das ferreterías.
Iván Rodríguez Lombardero