E non me mal interprete, xa en plena tempada de nadal certo é que a lotaría pode mudarlle a existencia a algún, pero non se trata diso. Xa saben, o que rápido ven logo marcha e só afecta a uns poucos, cousas do azar. Estamos a falar nestes intres de cambios con vocación de permanencia, de decisións que afectan á colectividade.
Hoxe, día 21 de decembro, día festivo en Catalunya, pode ser unha desas datas que condicione irremediablemente todo o que poda vir logo. Hoxe, despois do 1 de outubro e da disolución do parlament catalán, despois da aplicación do art. 155, logo de mil e un telexornais e editoriais de prensa escrita, logo da detención e procesamento dos políticos cataláns, despois de centos de incendiadas tertulias.
Un eventual escenario onde a opción de goberno acade unha maioría independentista suporía abrir definitivamente o melón da constitución do 78, rachar co modelo da transición e redefinir coordenadas.
Entón xa non se trataría do esgotamento do estado das autonomías, que daba entrada ás comunidades a través do título VIII e distinguía os privilexios de Navarra nunha disposición adicional.
Tampouco do fin da monarquía parlamentaria, cun 62 % dos españois, segundo o CIS, favorables á convocatoria dun referéndum ó respecto.
Nin sequera da quebra do modelo laboral, coas taxas de desemprego máis altas dos países occidentais, do sistema xudicial, co cuestionamento permanente da súa eficacia e independencia, ou do estado social, que pouco a pouco se foi desmantelando botando man do fondo de reserva para pagar pensións ou empobrecendo servizos que outrora foran modelo coma a sanidade.
Chegados ata este punto sería imprescindible manter un debate conxunto en relación coa lei; se a constitución é un verdadeiro contrato social debe de vir precedida, inevitablemente, dunha gran conversación, dun diálogo colectivo.
E non esquezan un matiz, ó marxe do resultado de calquera proceso electoral todas estas cuestións están agardando, pendentes e o seu tratamento é inexorable. Será antes ou logo, pero de seguro será.
Unha lectura crítica e o cuestionamento da legalidade levará tamén a un análise sobre a lei electoral, a propósito dos mecanismos de participación cidadán, sobre a estabilidade orzamentaria fixada no art. 135 da carta magna…
Imaxinen calquera posibilidade, pensen nun lenzo en branco…
Tarde ou cedo tocará falar porque calquera solución posible só pode saír da reflexión e do diálogo.