Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. Este desgraciado país

A constitución de Cádiz de 1812 afirmaba que España era a unidade dos españois de ambos hemisferios, o cal quería dicir que para os cidadáns de hai douscentos anos España comprendía a península ibérica, territorios de África, algo de América… e esa entidade coñecida como España foi minguando co paso do tempo.
Pensemos que dito texto, a coñecida como a Pepa, constitúe a primeira referencia histórica no constitucionalismo patrio e consagra os principios rectores ilustrados que seguen a rexer nos nosos días: soberanía nacional, división de poderes, recoñecemento de liberdades e dereitos…
O verniz ilustrado-liberal que cubría á primeira constitución española bebía do pensamento de vangarda do seu tempo.
Coa perspectiva que nos da o mesmo podemos hoxe facer unha lectura crítica do seu contido: non só trouxo aspectos emancipadores senón que contemplaba cuestións tan retrogradas coma a declaración da relixión católica-apostólica e románica como a única verdadeira, oficial e obrigatoria do estado ou o sufraxio restrinxido…
Por tanto, e sendo a mesma un texto laxo, fillo do seu tempo, tivo que ir adaptándose ó devir histórico: no ano 1868 a revolución gloriosa supuxo a expulsión de Isabel II e a instauración da 1 República ou sexenio democrático. Logo viría novamente a restauración borbónica e a ditadura de Primo de Rivera. Polo medio as constitucións de 1869 e 1876.
Todo o demais xa é vello conto do nosa historia recente: no ano 1931 aprobase o texto constitucional da II República, o 18 de xullo de 1936 alzáronse os militares e tragamos a Franco ata o ano 75 e, finalmente, no ano 1978 entra en vigor a nos última carta magna.
Un dato significativo da historia do noso constitucionalismo e que foron implementadas 8 constitucións en 2 séculos, cada unha de seu pai e da súa nai.
No que agora nos ocupa gustaría de chamar a atención sobre a nosa última lei de leis, a do ano 78. Certo é que esta supuxo unha serie de concesións recíprocas para o ben común e unha tregua entre as dúas Españas.
Non menos certo que a correlación de debilidades do seu tempo e a baixa intensidade democrática conlevou un truncado golpe de estado militar. Logo chegaría unha certa prosperidade acompañada dun relativo clima de paz social.
E agora tócanos ser o país europeo coa maior taxa de pobreza infantil, o segundo en canto a taxa de desemprego, cun modelo territorial ó que lle están a rachar todas as costuras, uns niveis de corrupción absolutamente grotescos e cunha hostilidade entre os seus concidadáns que fai recordar tempos pretéritos.
Se me permiten a o observación, unha das cuestións realmente preocupante ó respecto da legalidade vixente é que, os mesmos que se opuxeron ó proceso constituínte do 78, son os que agora se aferran desesperadamente á constitución para que todo siga igual.

Exit mobile version