Viveiro (Lugo), 11 de decembro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se somete á información pública, durante o prazo de 30 días hábiles, a solución técnica promovida polo Goberno galego para as instalacións que a empresa Vestas ten en Viveiro.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia deste xeito, o procedemento que dará lugar á redución da liña límite de edificación da estrada autonómica LU-161 Landrove (LU-540)-Ferreira do Valadouro (LU-160) no treito situado entre os puntos quilométricos 2+430 a 2+690, de tal xeito que a factoría xa non invadirá o espazo reservado a esta estrada autonómica.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reiterou que a solución contribúe a garantir a continuidade e futuro dunha das empresas máis importantes da zona, tanto polo número de empregos que xera como pola actividade económica a ela aparellada. A proposta da Xunta, que foi aceptada polo Concello de Viveiro, busca desbloquear unha situación que se estaba prolongando no tempo en vista á falta de solucións alternativas.
O treito no que se establecerá a redución de anchura permitirá liberar as edificacións xa construídas pois a situación actual provoca inconvenientes entre outras cuestións para obter permisos de obra e impide posibles ampliacións, ou deixa fóra de ordenación espazos industriais en uso.
Durante este prazo de 30 días calquera persoa física ou xurídica poida formular as alegacións que considere pertinentes. Ademais, a Resolución establece que o expediente administrativo estará exposto ao público, en días e horas hábiles de oficina, nos locais desta Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela (Edificio Administrativo de San Caetano, s/n), no Servizo de Infraestruturas en Lugo (rolda da Muralla, 70) e na Casa do Concello de Viveiro (praza Maior, 1)
De non producirse alegación durante este espazo de exposición pública a Xunta procederá á aprobación definitiva da nova delimitación ou, no seu caso, resolver as alegacións presentadas.