Site icon Crónica3.com A Mariña

A consellería de política social destina preto de 700.000 euros a 13 entidades de iniciativa social de Lugo para impulsar programas de inclusión

Lugo, 21 de decembro de 2017.- A Consellería de Política Social destina 697.351 euros a impulsar os programas de inclusión social que desenvolven 13 entidades de iniciativa social na provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que as achegas están orientadas tanto á dotación e funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social como á prestación de servizos concretos relativos á atención das necesidades básicas e apoio á inclusión sociolaboral, incluíndo aqueles específicos en favor da poboación inmigrante.

As entidades beneficiarias das axudas na presente convocatoria en Lugo foron Cáritas Diocesana, a Asociación Mulleres en Igualdade de Burela, Alar Galicia, Fillas do Divino Celo- Rogacionistas, o Centro para o Desenvolvemento Rural dos Ancares, Aliad-Ultreia, a Asociación Lucense de Axuda aos Enfermos Mentais (ALUME), a Asociación de Promoción e Integración xitana, a Asociación Síndrome de Down, a Asociación Fenilcetonúrica e OTM de Galicia, a Asociación penitenciaria Concepción Arenal, a Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU) e a Asociación de Axuda o Enfermo Mental da Mariña.

José Manuel Balseiro gabou o labor que realizan estas entidades “implicadas no seu entorno, cada unha cun ámbito de acción moi definido pero interrelacionadas, xa que ademais de ofrecer asistencia prestan asesoramento, derivando aos usuarios cara a outros recursos financiados con fondos públicos”.

Os colectivos beneficiarios traballan directa e continuadamente coas persoas e familias afectadas por factores de exclusión social, e coñecen de primeira man as súas necesidades, características e posibilidades, así como os instrumentos máis eficaces para potenciar as súas capacidades e promover a súa participación social e o seu acceso ao mundo laboral.

O delegado sinalou que a colaboración entre Administración e asociacións “fai máis eficaz a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, así como a promoción da igualdade de oportunidades e da participación activa de todas as persoas nos ámbitos social e laboral”.

As axudas que reciben as entidades están dirixidas nalgúns casos á cobertura de necesidades básicas como o aloxamento e a manutención, que constitúen, en moitas ocasións, un primeiro nivel de atención que brinda ás persoas usuarias o acceso ao resto dos recursos dispoñibles.

Outras achegas destínanse á promoción de accións de capacitación persoal e á mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Exit mobile version