Viveiro, 21 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste máis de 600.000 euros no mantemento da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro e a sección de Burela, que depende da primeira. O groso do investimento está destinado a custos de persoal, entre eles os 14 docentes que imparten as distintas linguas (11 en Viveiro e 3 en Burela).
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, gabou o dinamismo destes centros e destacou que ambos ofrecen na Mariña unha ensinanza indispensable “para desenvolverse na sociedade global, xa que o coñecemento de idiomas multiplica as oportunidades laborais e persoais”.
Nas instalacións da Escola de Idiomas de Viveiro, en Celeiro, estudan na actualidade 242 alumnos divididos en 33 grupos. O 68 por cento do total están matriculados nos distintos niveis de inglés, idioma que aínda garda distancia coas seguintes ofertas: o 13 por cento é alumnado de italiano, preto do 11 por cento de alemán e case o 9 por cento de francés.
Na sección de Burela estudan 128 alumnos en 10 grupos, todos eles de inglés; isto significa que no cómputo global os estudantes de inglés supoñen o 79 por cento.
Balseiro incidiu en que a escola de idiomas presta un servizo educativo fundamental na Mariña, moi especialmente para os mozos e mozas que queren ampliar os estudos con vistas a incrementar a súa cualificación e mellorar as súas expectativas profesionais”.
O delegado lembrou que a Xunta valoraría un cambio de ubicación da escola de idiomas de Viveiro, tal e como solicita o colectivo Aspanane -co que comparte as instalacións de Celeiro-, en función das propostas que realice o concello de Viveiro ou da posibilidade de dispoñer doutros espazos axeitados.