O alcalde, Alfredo Llano, relatou que “Ana fixo algo no porto. Foi quizais onde máis se notou. Na fábrica de xeo da confraría desmantelou bastante cuberta de parte dun alerón que teñen alí contra unha árbore”.
O rexedor burelés explicou que “son chapas que saíron voando, algunha apareceu a cen metros de distancia. Non rompeu contra ningún edificio nin contra ningunha persoa que foi a sorte que tivemos porque non había practicamente ninguén ás oito da tarde por alí, pero si que produciu danos na cuberta e en dous coches que estaban aparcados ao lado”.
Alfredo Llano dixo que “foi o máis significativo do temporal en Burela e agora xa se está repoñendo esa cuberta, estase facendo a retirada e polo tanto en pouco tempo supoño que estará libre”.
E engadiu que “en Burela sacando as típicas inundacións que se nos dan xa na zona da Edar por saturación, ata que se faga a nova vai ser moi difícil solucionar ese problema, non houbo moitos máis problemas”.
O alcalde indicou que “hoxe pola mañá xa estaba todo máis ou menos recuperado bastante ben. Agora o do porto hai que solucionalo o antes posible, e penso que non hai grandes incidencias que non sexan roturas e desprazamentos de contedores, ou sinalizacións, etc…”.