Burela 20-12-17. Un total de 7 adestradores, coa colaboración altruísta de 11 delegados, están á fronte do Futuro Laranxa 2017-18, con máis de 150 pequenas promesas entre 3 e 21 anos. O presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, reuniuse con eles hai uns días para facer balance do inicio do curso e agradecer o compromiso de todos coa formación de base na entidade laranxa.
Baixo a dirección de Alfonso Mera, traballan cóbado con cóbado Christian Fustes, como coordinador e técnico de Xuvenil A, Xuvenil B e Cadete A, co apoio de Simón Martínez; Mario Pillado en Cadete B e Infantil A e B; Jairo Vázquez con Benxamín A e B; Míchel Couceiro adestrando Primeira Galicia e Alevín B; e David Riveira, en Alevín A.
Prebenxamín e Biberón contan coa axuda de Carmelo Pernas e David Rodríguez como delegados, con Alfonso Mera como adestrador; Benxamín A, con Jesús Rodríguez; Benxamín B, con Francisco Javier Muñoz; Alevín A, con José López; Alevín B e Cadete B, Cándido Eijo; Cadete A, Andrés Vizoso; Xuvenil B, Jesús Ares; e Primeira Galicia, Álex Abad, José Miguel Bolaños e Carlos González.
Sen descanso
A Escola Laranxa colgará o cartel de pechado dende este venres, 22 de decembro, ata o luns 8 de xaneiro. Non obstante, o profesorado da base continuará traballando, mantendo os adestramentos de Cadete A e de Xuvenil A e B e planificando os compromisos de torneos de Nadal. O Carballiño será o primeiro destino, o martes 26 e mércores 27, nas categorías Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete. O Trofeo de Nadal de Imdecum reunirá en Burela equipos Biberón e Prebenxamín o día 27. Pontevedra pechará as citas da base burelista de 2017 coa participación de Cadete A e Xuvenil B.
Galicia Sub-16
A Selección Galega Sub-16, cos laranxas Gustavo Henrique e Nicholas López, despediuse da aventura do Campionato Nacional de Seleccións Autonómicas na fase previa, disputada en Murcia a semana pasada, nun grupo moi rifado, con tres resultados adversos: Murcia (3-2), Ceuta (6-4) e Madrid (0-2).
Continuando coa preparación para a mesma cita, prevista para xaneiro, esta semana volveron adestrar con Sub-19, os xuvenís Luismi, Pitero e Nito, o luns en Miño.