Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornadas sobre agricultura ecolóxica

O Vicedo 1-11-17. Nordés Faladora presenta a segunda parte dun ciclo anual sobre ecoloxía, alternativas e cooperativismo que comezamos en marzo coas “Xornadas forestais”. Convidámosvos o sábado 4 de novembro ás “Xornadas sobre agricultura ecolóxica”, con actividades abertas para todo o mundo.
Estas charlas informativas teñen como fin poñer en contacto proxectos e persoas con inquietudes semellantes, tendo como base en todo o momento o desenvolvemento económico da zona a través de alternativas sostibles. Nordés quere proporcionar diferentes opcións que teñan en consideración o valor da nosa terra e da poboación que quere coidala e ademáis vivir dela, ben a tempo completo ou como complemento. Por iso, durante este día se falará de claves de comercialización e de expectativas de negocio.
Nas xornadas estará presente “Economato Macabeo”, un grupo de tendas da Comunidade de Madrid que ofrece todo tipo de productos ecolóxicos e bio, seguindo un modelo tradicional de compra-venta e con prezos xustos, que traballan directamente con agricultor@s e produtor@s. A benvida a estas xornadas será ás 10:30h. no Salón de Actos do Concello de Mañón, no Barqueiro: alí poderedes degustar cafés e infusións ecolóxicas antes da charla que comezará ás 11:00h. Alberto López e José Luis Villarejo, o xerente e o xefe de compras respectivamente de “Economato Macabeo”, achéganse para falar da agricultura/gandería ecolóxica e da situación da súa produción e comercialización no panorama español.
Ás 14:00h. haberá un xantar no “Hotel Semáforo de Bares” (en Bares) onde o menú estará composto totalmente por produtos ecolóxicos, dende o proceso de cociñado ata as bebidas: táboa de queixos e patés, ensalada de follas variadas, froitos secos, queixo e demáis; crema de cabaza; polo guisado; e compota de mazá. A sobremesa xirará ao arredor da degustacións de cafés, infusións e licores. Esta é a única actividade para a que é preciso anotarse, porque hai 20 prazas, no 653756454 ou enasociacion.nordes@gmail.com. O prezo do menú son 15€ por persoa.

Exit mobile version