Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha doente do Hospital da Costa decide facer públicas as súas reclamacións a través da plataforma sanitaria

A Mariña 11-11-17. O pasado día 10 de novembro contacta coa Plataforma Sanitaria unha doente que está disposta a identificarse ,e que nos fai chegar as súas reclamacións no Servizo de Atención ao Doente farta de que non se lle faga caso ás súas demandas.
O seu nome é Guida da Costa .
Leva esperando seis meses por un ecocardiograma de stress, que como moi tarde debería terse feito no mes de setembro deste ano. Se un especialista en Cardioloxía dictamina e prescrebe que esta proba, ou calquera outra, ten que facerse en determinado tempo non é por capricho, senón porque é necesario para o diagnóstico dunha alteración ou enfermidade do corazón ou para descartar algo que pode ser grave.
Como o tempo pasa e non a chaman , chea de angustia e medo polo que poida pasarlle fai a súa primeira reclamación na oficina de Atención ao doente.O número desta primeira reclamación é, segundo figura no impreso, o 36839. Unha vez entregada a reclamación fica algo máis tranquila pois imaxina que o sistema terá en conta a mesma e chamarana de seguida. Máis pasa o tempo e non a dan chamado, e volta de novo o medo ao corpo porque non se trata de calquera proba sen importancia.Máis ela segue a esperar algo máis para darlle unha oportunidade ao hospital.Ate que pasa un mes exactamente sen recibir a chamada esperada. Entón xa decide, enfadada , angustiada e máis atemorizada, voltar a facer unha segunda reclamación que figura co número 37034.É dicir que, se eses números son correlativos e se as contan non nos fallan,dende o 10 de outubro ate o 10 de novembro deste ano ( un mes xusto) tramitáronse 195 queixas ou peticións no devandito servizo.Unha cifra bastante significativa, sobre unha poboación de oitenta mil habitantes nun mes , e iso que non tod@s reclaman – manifesta Guida.
A responsable de Atención ao Doente , cando presenta esta segunda reclamación polo mesmo motivo infórmalle de “non teño nen idea para cando será xa que a lista de agarda é infinita….” Tremendo!
Guida da Costa tamén fai saber á Plataforma Sanitaria que leva ano e medio en lista de agarda (se é que a puxeron en lista de agarda e non no caixón) para facer Rehabilitación e que a chaman agora para empezar en novembro despois de estar pagando do seu peto todo o ano. Unha vez que pasas un proceso cirúrxico que precisa de rehabilitación para a reincorporación á vida cotiá, suponse que esta debe ser a máis precoz posible para que a recuperación sexa axeitada.A Plataforma Sanitaria leva tempo demandando a posta en marcha das instalacións infrautilizadas dos ximnasios dos Centros de Saúde que contan con este servizo, en quenda de tarde.Só fai falta vontade e persoal pois as instalacións e a dotación material xa existe.
A Plataforma Sanitaria esixe á administración que se teñan en conta estas reclamacións e que se lle den unha solución canto antes, no contexto da sanidade pública e do Hospital da Costa.

Exit mobile version