A asemblea comezou coa intervención do Presidente da Xunta de Persoal da Área da Mariña e da Coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña , que fixeron fincapé nas pretensións por parte do goberno da Xunta de Galicia de suprimir a Área Sanitaria da Mariña e convertela nun distrito sanitario dependente do Hula. As consecuencias para os veciñ@s da Mariña serán desastrosas xa que se incrementaran as derivacións cara a capital distante a cen quilómetros cunhas infraestruturas nefastas, para recibir servizos que antes se proporcionaban aquí – manifestan.
Abordaron tamén o desmantelamento progresivo da Atención Primaria na comarca, coa amortización de plazas de médic@s, enfermeir@s e demáis persoal engadido á falta de cobertura dos permisos , vacacións e baixas, que revirte nunha deficiente atención sanitaria ao sobrecargar ao persoal xa de por si deficitario. A Atención Primaria é a base de toda a atención sanitaria, o primeiro contacto do doente cos servizos sanitarios e non é de recibo que non se imparta a atención que demanda cada doente pola sobresaturación d@s profesionais que mesmo fan máis horas da súa xornada motu propio para garantir a atención que se merecen-refiren .
No referente a Lei de Garantias sanitarias recentemente aprobada critican a teima do PP por adornar con palabras bensoantes o que é un engano manifesto, pois cando a lei di que “o incumprimento dos prazos dados para a asistencia ( entre 45 e 60 días) oferta ao doente tres opcións: optar voluntariamente por seguir na lista de agarda, solicitar atención noutro centro do Sergas ou reclamar a atención nun centro concertado-privado con factura a cargo da Xunta”, é a excusa perfecta para dar un marco legal á privatización da sanidade- conclúen dende a Platafarma Sanitaria.