Site icon Crónica3.com A Mariña

Setenta afiliados e simpatizantes do PP de Ribadeo participaron na asemblea celebrada onte coa presenza do secretario xeral do partido en galicia e outros cargos da formación popular

111117 ASEMBLEA DO PP DE RIBADEO (2)Ribadeo, 11 de novembro de 2017. Setenta afiliados e simpatizantes do PP de Ribadeo participaron na asemblea celebrada onte, venres, no hotel O Cabazo. O acto contou coa presenza do secretario xeral do partido en Galicia, Miguel Tellado, e outros cargos da formación popular como Daniel Vega ou José Manuel Balseiro, ademais dos representantes locais.
Previamente na sede do partido en Ribadeo o secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado; o coordinador dos populares na Mariña e delegado da Xunta na provincia de Lugo, José Manuel Balseiro; e o secretario de Organización do PP lucense e deputado autonómico, Daniel Vega, reuníronse cos membros do grupo municipal, encabezado por Jesús López Penabad, que tamén é o presidente local. Na xuntanza participou ademais a presidenta de Novas Xeracións en Ribadeo, Alba Rodil.
Miguel Tellado, Daniel Vega, José Manuel Balseiro e Jesús López Penabad tamén interviñeron no acto celebrado no hotel O Cabazo.
Jesús López Penabad fixo unha valoración moi positiva deste xuntanza e explicou que “serviu para analizar a situación do Partido Popular en Ribadeo e foi un paso máis de cara a crear unha alternativa de goberno para que o concello ribadense alcance un benestar que agora non ten e que necesitan os veciños”.
O presidente local e portavoz municipal do PP en Ribadeo tamén destacou que foi unha xornada “moi distendida e agradable cos afiliados, que nos resultou moi produtiva pola interconexión que houbo e as preguntas que nos trasladaron os asistentes. E Miguel Tellado demostrou que é unha persoa moi accesible e próxima”
Ademais López Penabad agradeceu “a todos os afiliados e simpatizantes que nos acompañaron onte nese acto celebrado no hotel O Cabazo” e anunciou que este tipo de iniciativas “repetirémolas nun futuro, porque resulta moi interesante ese contacto directo cos afiliados e simpatizantes do Partido Popular para que nos trasladen as súas inquedanzas”.

Exit mobile version