Site icon Crónica3.com A Mariña

Os empresarios dos xeodestinos Ferrolterra Rías Altas e da Mariña lucense mantiveron dúas xuntanzas para valorar o proxecto “turismo slow norte de Galicia”, no que levan traballando desde hai dous anos

221117 Foto xuntanza Mañon 1A Mariña, 22 de novembro de 2017. O Semáforo de Bares, no veciño concello de Mañón, foi escenario das xornadas de traballo nas que se deron cita os establecementos e empresas das Mancomunidades de Ferrolterra e da Mariña lucense que están a participar no proxecto Turismo Slow Norte de Galicia. Os turistas que se achegan a estas comarcas valoran a tranquilidade, a riqueza paisaxística e gastronómica e foxen das grandes masificacións e aglomeracións de persoas.
No 2015, as Mancomunidades de Ferrolterra e Mariña Lucense, co apoio da Axencia Turismo de Galicia e baixo a coordinación de Promove Consultoría, puxeron en marcha un proxecto pioneiro en Galicia e tamén en España: o Turismo Slow Norte de Galicia. O pasado 15 de novembro e na xornada de onte, martes día 21, tiveron lugar as reunións das empresas turísticas participantes, nas que, cun ambiente distendido, traballouse na planificación estratéxica do proxecto e na revisión dos requisitos de participación, implicación e compromiso co turismo slow.
O Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran os requisitos e, sobre todo, que teñan a motivación e ilusión necesarias para participar nun proxecto colectivo deste tipo e que fagan un triple compromiso: o Compromiso ambiental, de sostibilidade e coidado do entorno; o Compromiso coa calidade (priorizando a calidade dos aloxamentos e a profesionalidade das persoas responsables deses aloxamentos); e o Compromiso co proxecto, que se refire á implicación e ao interese pola consolidación do proxecto.
No Semáforo de Bares, en Mañón, tiveron lugar as dúas reunións do grupo de empresas participantes no proxecto para continuar co desenvolvemento dun produto innovador e sostible, que poña en valor as características sociais, culturais e naturais do noso destino turístico, que presenta unha vantaxe moi valorada por aquelas persoas que escapan da masificación turística, como é precisamente a tranquilidade e a súa riqueza patrimonial e gastronómica.
Desta reunión saíron diferentes ideas, como a creación dun grupo motor do turismo slow formado por varios aloxamentos, que servirá tanto para a dinamización interna (requisitos de participación no grupo, deseño de formación necesaria para os participantes do turismo slow), como para a axilización na toma de decisións en canto á estratexia de promoción do produto turístico.

Exit mobile version