Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP alerta que O Valadouro aínda non pagou as axudas á natalidade aprobadas en 2016

O VALADOURO, 13 de novembro de 2017.- O PP de O Valadouro revela que o Concello aínda no pagou as axudas á natalidade, que foron concedidas en agosto de 2016 e solicitadas por unha quince familias do municipio. Deste xeito, os populares da man do seu voceiro, José Manuel Lamela, censuran que o alcalde socialista manteña “nesta incertidume” aos beneficiarios, pois estas subvencións supoñen que os proxenitores reciban cada un uns 600 euros.

“Lamentamos que o alcalde estea a retrasar estas axudas, pois é unha medida que vén moi ben aos pobos nos que, precisamente, a perda de poboación é unha realidade”. Lamela fai esta valoración, pois, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística este municipio, que conta con 2.016 habitantes, tamén se esta a ver afectado polo avellentamento poboación e o declive demográfico.

Por tanto, indica, “cremos que non se pode deixar abandonadas así a estas familias”, pois esta medida contribuirá a paliar a crise demográfica que atravesan Concellos do rural, como é o de O Valadouro.“Sabemos que ninguén vai ter un fillo para percibir estas axudas, pero si que contribúen a fixar poboación”, remarca o voceiro do PP.

Críticas ao BNG
Por outra banda, os populares tamén reproban que o Bloque Nacionalista Galego “estea tamén a mirar para outro lado” respecto deste asunto, pois foi a instancia, precisamente, da proposta deste Grupo, “e que nós apoiamos”, pola que se aprobou esta medida hai máis dun ano.

“É totalmente criticable que o Concello se desvincule e deixe abandonadas a estas familias, pero tamén o é que o BNG non fixera seguimento deste acordo e que non presionase aos dirixentes locais para cumprir o acordo que acadamos no Pleno, e que nós refrendamos, conscientes da importancia que supoñen axudas deste tipo para a familias que teñen fillos ao seu cargo”, conclúen dende o PP.

Exit mobile version