A Mariña 23-11-17. En relación ao cambio de nome do CEIP Antonio Pedrosa Latas de Celeiro e a outras
recentes iniciativas de cambio de nome de centros escolares na Mariña.
No momento no que o Observatorio tivo o coñecemento de que en breve se procedería ao
cambio de nome do CEIP Antonio Pedrosa Latas, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica,
dirixiuse ao equipo directivo, consello escolar e Anpa do centro coa fin de parabenizalos polo cambio
de nome do centro educativo, pois desde a nosa organización entendemos que están exercendo con
responsabilidade a súa obriga de ofrecer unha educación integral ao alumnado e por iso non podemos
menos que felicitalos por esta iniciativa.
Sabemos que o nome das entidades educativas son a súa parte máis visible e un elemento moi sensible ante a comunidade na que se integran, e por este motivo convidamos ao centro a que valorasen que o novo nome do centro fose un nome de muller. Sabemos que tan só o 25% dos centros de ensino de Galiza levan nome de muller, e esta estatística contabiliza incluso os nomes que fan referencia a virxes e santas.
En concreto, entre os 39 centros educativos da Mariña tan só leva nome de muller o IES María Sarmiento de Viveiro, ningún centro de primaria. Ademais contamos con 3 centros con nome feminino de referencia relixiosa.
Como asociación feminista pensamos que a escolla dun nome feminino servirá de referente e modelo para as rapazas e rapaces que estudan no centro e tamén para toda a comunidade da contorna. A visibilización das mulleres e das nosas aportacións á sociedade é algo prioritario e de xustiza no ámbito da educación, non só analizando o valor coeducativo da iniciativa, senón tamén porque a educación foi e é un terreo intensamente feminizado.
Por estos motivos en días pasados dirixímonos tamén por escrito á Alcaldesa de Viveiro e á Concellaría de Muller, pois esperamos das institucións públicas que exerzan dun modo proactivo as medidas que xeneren cambios cara a igualdade. Nun mes de novembro no que se suceden actos reivindicando o cese das agresións machistas incidimos na importancia de que os Concellos promovan accións que guíen á xente moza nos camiños da igualdade real entre mulleres e homes. Entendemos que en Viveiro existen exemplos de mulleres que serían dignas representantes e valedoras dos principios educativos do CEIP, e por iso alentamos a que desde o Concello se impulse a escolla dun nome de muller que sirva de magnífica tarxeta de presentación para este centro educativo.
Coñecemos ademais que noutros concellos da Mariña están nacendo iniciativas para o cambio de nome de centros educativos, e lembramos a aquelas persoas promotoras dos mesmos, así como aos Concellos, Anpas, consellos escolares, claustros e equipos directivos, a importancia de visibilizar a figuras femininas así como de corrixir unha situación inxusta e de desequilibrio evidente.