Fernández Queipo subliñou que “o compromiso da Deputación de Lugo co aforro enerxético e coa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro é claro. Sen ir máis lonxe, hoxe o profesor Antonio Rigueiro presentaranos o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que lidera o Concello de Lugo, xunto coa Deputación, a Universidade de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid, cun orzamento total que supera os 3,5 millóns de euros, dos cales a Deputación aporta máis de 500.000 euros”.
O obxecto principal deste proxecto é a realización de accións de desenvolvemento sostible que contribúan a frear o cambio climático, como o acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles, a construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, ou o deseño dun catálogo de solucións de deseño urbano para axudar a frear o cambio climático.
O Deputado de Medio Ambiente engadiu que “en xuño deste ano presentamos o proxecto ILUMIN@ un novo programa de aforro enerxético gratuíto dirixido aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para dotar de novo equipamento enerxético de baixo consumo a instalacións públicas municipais e continuar coa redución de custos pola luz. Xa no ano 2016, a Deputación concedeu 1.500.000 euros aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para actuacións no marco do aforro e a eficiencia enerxética, en concreto para actuacións en instalacións de alumeado público, instalación de caldeiras de biomasa e mellora da envolvente térmica en edificios de titularidade municipal”.
Por outra parte, estase a executar tamén a iluminación do paseo do río Rato, cun orzamento de 750.000 euros. En total estase a dotar ao paseo de 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos, dos que 103 se situarán na estrada e 144 no paseo, nun treito de 7 quilómetros. Tamén se instalará un sistema informático que permitirá controlar cada un dos 283 puntos de luz, así como regular a súa intensidade lumínica co fin de aforrar custos ao poder adaptala ás condicións climatolóxicas.
Ciclo de conferencias
As charlas previstas, todas no Salón de Actos da Deputación, ás 19:30 horas, serán de acceso libre ata completar aforo. Estas son as seguintes:
– Día 13: “O Proxecto Life Lugo + Biodinámico, do programa de acción polo clima Planificación dun barrio multiecolóxico como modelo de resiliencia urbana”, polo Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez.
– Día 14: “Evolución do clima en Galicia. Evidencias e escenarios de futuro”, polo Catedrático xubilado do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e Académico, Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
– Día 15: “Cambio climático e agricultura en Galicia”, polo enxeñeiro agrónomo e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da USC, Francisco Sineiro García.
– Día 16: “Cambio climático, gandería e sanidade animal en Galicia”, polo Catedrático do Departamento de Patoloxía Animal da USC e Académico, Pablo Díez Baños.
– Día 20: “Cambio climático e produción forestal en Galicia”, polo Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Roque Julio Rodríguez Soalleiro.
– Día 21: Mesa redonda “O cambio climático e a biodiversidade” moderada por Antonio Rigueiro Rodríguez, coa participación do profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Manuel Antonio Rodríguez Guitián; o profesor do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC, Augusto de Castro Lorenzo; e o Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz.
– Día 22: “Estratexia galega de cambio climático e enerxía”, pola Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira.
Na memoria de Luís Asorey García
A Real Academia Galega de Ciencias acordou dedicar este ciclo de conferencias á memoria do Dr. Luís Asorey García, prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante moitos anos na cidade de Lugo e que foi Académico, Secretario e Vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias.