O Presidente apuntou que “é necesario un firme compromiso co sector lácteo, motor da economía da provincia de Lugo, por parte de todos, é dicir, tanto sector privado como público, para revitalizalo. O meu e, polo tanto, o desta institución, xa o teñen, e é claro e evidente: só hai que ter en conta todas as iniciativas que estamos a impulsar”. Neste senso, destacou que “por fin, imos abrir o primeiro centro de recría público en España co obxectivo de reducir custos de produción aos profesionais do sector. Nas instalacións da Granxa Gayoso Castro tamén imos construír un Centro Experimental onde, a partires de 2018, se levarán a cabo proxectos de formación e investigación para tamén reducir os importantes custos de produción ou para tentar incorporar as novas tecnoloxías no sector, tendo en conta a súa falta de man de obra e calidade de vida dos produtores, que traballan os 365 días do ano”.
“Seguimos traballando man con man cos profesionais do sector lácteo. Mostra disto é que volvemos a ser o principal patrocinador destas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, onde se abordarán as necesidades e as oportunidades deste sector na provincia, como, por exemplo, o centro de recría que construíu a Deputación”, subliñou.
Noelia García Santoalla deulle comezo ao acto destacando o enfoque desta edición cara ás novas xeracións de gandeiros, os cales se van atopar con novos desafíos e inquedanzas, a algúns dos cales (coma o cambio climático, o futuro da PAC, a xestión da man de obra externa, a eficiencia das forraxes ou a perfección do traballo coa recría e coa reprodución) se lles tentará dar resposta da man de varios expertos do ámbito nacional e internacional. Así mesmo, a presidenta puxo enriba da mesa dúas preguntas dirixidas ás administracións: Chegarán a ter influencia algún día as organizacións de produtores no prezo do leite? Vai ser a falta de base territorial un tope ao que se van ter que enfrontar os gandeiros do mañá?
Unha das coordinadoras deste ano, Belén Guerreiro, fixo un repaso dos relatores que pasarán o primeiro día pola Facultade de Veterinaria para compartir os seus coñecementos cos asistentes. Deu comezo coa presentación do enxeñeiro Jaume Lloveras, que analizará os aspectos claves da fertilización do millo a fin de obter un mellor rendemento por hectárea.
Seguiu co veterinario Javier Liste, que intervirá cunha presentación que titulou ‘Amodiño… ó ritmo da vaca’. Nela abordará o comportamento natural das vacas (como perciben o medio onde viven, que tipo de relación establecen co ambiente que as rodea e coas súas compañeiras de rabaño, como entran en contacto cos traballadores da granxa…) e como aproveitar este coñecemento para manexalas da mellor maneira e sacarlles o máximo rendemento produtivo.
Tamén participará no foro Arturo Gómez, asesor de explotacións en Asia, África e Europa–, quen falará de estrés por calor e de calidade do aire para optimizar a eficiencia das explotacións.
Desde o Levante chega Francisco Sebastián, veterinario, asesor de granxas e director técnico de More Holsteins SLU, que compartirá co auditorio a súa experiencia na contratación e formación de traballadores asalariados, abordando aspectos como a conciliación da vida laboral e persoal ou a importancia da motivación continua dos empregados.
Rematarán a primeira xornada representantes de tres explotacións de recoñecida traxectororia na nosa comunidade –gandería Sar SL, SAT O Chope e SAT As Pandas–, os cales apostaron polo asociacionismo como xeito de asumir o traspaso xeracional.
A continuación celebrarase un encontro gandeiro pensado como lugar de intercambio de opinións entre os asistentes.
A programación do venres, segundo adiantou Albino Iglesias, dará inicio cunha conferencia sobre eficiencia alimentaria a cargo do profesor da Universidade Estatal de Dakota do Sur (EE. UU.) Álvaro García. O experto abordará unha serie de puntos que poden mellorar a rendibilidade da explotación desde o presebe (valoración das forraxes, manexo de silos, manexo do carro mesturador, novas tendencias no picado do millo…).
Seguidamente, o veterinario de Seragro Juan Camilo Gómez Hermida ofrecerá unha charla sobre a importancia do técnico de reprodución nas explotacións modernas e a informatización dos datos como única forma de obter resultados concluíntes do rabaño, que permitan adoptar as estratexias máis idóneas e, en definitiva, tomar decisións fundamentadas que marquen a diferenza nas marxes de beneficio.
O presidente do FEGA, Miguel Ángel Riesgo, porá punto e final ao bloque matutino cunha exposición na que explicará as modificacións que presenta a PAC 2018 e a postura que defende España na revisión que está a facer a Comisión Europea.
Recría: custo ou oportunidade
A tarde do venres estará dedicada á xestión da recría, con diversidade de opinións sobre o como e o porqué de facelo dun xeito ou doutro. A asesora independente Carolina Tejero, que durante anos foi a responsable técnica do Rancho Las Nieves de Zaragoza, fará unha breve exposición sobre a relevancia dos dous primeiros meses vida da futura produtora de leite para, a continuación, participar nunha mesa redonda na que tamén defenderán as súas posturas o veterinario de Seragro e xerente do centro de recría Ganxabar, Rogelio Grille, e Francisco Sebastián.
Albino Iglesias lembrou que este ano se retomará o tradicional brinde do leite como forma entrañable de rendirlle homenaxe ao sector.