Campos Conde explicou que “con este investimento, contribuímos ao impulso do comercio, un sector que dá emprego a 12.500 lucenses, representando máis do 16% dos postos de traballo e o 13% do PIB da nosa provincia”. Seijas López amosou a súa “satisfacción” por esta colaboración, “recoñeceu a sensibilidade” do Goberno da Deputación co sector e apuntou que estes fondos permitirán potenciar a Oficina Técnica de Información e Asesoramento da Federación, que ofrece información e formación aos comerciantes da provincia. Tamén se destinan á posta en marcha de campaña de sensibilización e visibilización do comercio local.
“Queremos potenciar o comercio de proximidade, amable e de calidade; co que contamos nas nosas localidades, sendo un sector estratéxico para a economía dos Concello e, en xeral, da provincia”, subliñou o Presidente da Deputación. O Presidente da Federación engadiu que “onde non hai comercio non hai vida”.
O titular provincial puxo en valor o labor que dende hai 30 anos leva a cabo a Federación Galega de Comercio na provincia de Lugo e apuntou que “sempre teredes as portas abertas desta institución para xuntos seguir medrando e acadar novas metas”. Neste sento, Seijas López adiantou que o comercio da provincia de Lugo é o que máis está a medra de toda Galicia, por diante da media de España”.
Federación Galega de Comercio
A Federación Galega de Comercio nace en 1985 para dar resposta á incipiente crise que nese momento vivía o sector do comercio. As asociacións de comerciantes expuxéronse entón a necesidade de agruparse a nivel galego nunha Federación de Comercio que representase ao sector e defendese os seus intereses. Continúase desde entón como órgano de coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses xerais e comúns dos seus membros.
Formada por catro Federacións Provinciais de Comercio (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), integra a un total de 150 asociacións sectoriais e locais, sendo a entidade máis representativa e única interlocutora ante as diversas entidades públicas, privadas e sociais dos 55.000 comercios que existen actualmente en Galicia.
A Federación Galega de Comercio desenvolve unha intensa actividade de programación e execución de plans formativos especialmente adaptados ás necesidades que presenta o sector comercial en Galicia. Estas iniciativas están encamiñadas á mellora da cualificación dos profesionais en activo, tanto traballadores como autónomos, que desenvolven a súa actividade no ámbito do pequeno comercio. Outras frontes de traballo son a dinamización dos Centros Comerciais abertos e urbanos, o impulso do asociacionismo empresarial, o desenvolvemento do comercio rural e a renovación comercial, entre outras cuestións de interese para o sector.