Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno de Lourenzá pídelle respecto e lealdade ao ex-concelleiro socialista Francisco Dasilva

Lourenzá, 2 de novembro de 2017. O equipo de goberno socialista do Concello de Lourenzá, formado por Rocío López García, Manuel Arango Ron, Mercedes Dengra Sixto, Carlos Rivas Rivas e Miguel Castrillón Fernández, pídelle respecto e lealdade ao ex concelleiro socialista Francisco Dasilva.

Os cinco membros do goberno municipal explican que “a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, publicou unha nota de prensa hai uns días dando conta dunhas actuacións da Concellería de Deportes, da que nestes momentos é ela a responsable. Tanto nesta nota de prensa como na que enviou aos medios de comunicación despois da dimisión do concelleiro de Deportes foi moi respectuosa coa persoa e coa actuación do señor Dasilva. É por iso que nos sorprende a dureza e a falta de respecto da resposta que lle dá o ex concelleiro socialista, xa convertido, por propia vontade, en tránsfuga. Segundo a RAE, tránsfuga é a persoa que cun cargo público non abandona este ao separarse do partido que o presentou como candidato”.

Os membros do equipo de goberno no Concello de Lourenzá engaden que “a un político o primeiro que se lle debe pedir é que sexa leal e fiable. Os electores non poden entender, de ningunha maneira, a posición dun tránsfuga, porque non deixa de ser unha traizón á intencionalidade do voto. A historia, frase bastante empregada e ás veces non moi ben, porá a cada un no seu lugar. Uns manterémonos sempre na mesma posición, traballando e defendendo os intereses dos nosos veciños e veciñas. Outros, dando bandazos pola vida en función dos intereses particulares”.

Para rematar manifestan: “desde o grupo municipal socialista e tamén desde os compañeiros e compañeiras da agrupación local pedímoslle ao señor Dasilva que reflexione, que aínda está a tempo de retirar a renuncia e seguir traballando dentro do proxecto socialista. De non ser así, pensamos que debe devolver a acta de concelleiro e non pasar a historia local sinalado como traidor á ideoloxía e aos principios polos que foi elixido polos veciños e veciñas de Lourenzá”.

Exit mobile version