Lourenzá, 22 de novembro de 2017. O Concello de Lourenzá súmase á campaña En negro contra as violencias e organiza actos para este domingo, día 26, na Praza do Conde Santo.
A alcaldesa, Rocío López, explicou que “o Concello de Lourenzá sumase á campaña En negro contra as violencias, na que participan este ano 73 concellos galegos e a Deputación Provincial de Lugo. Dende a Concellería de Servizos Sociais e a través da asociación de comerciantes enviouse unha carta a todos os establecementos comerciais e de restauración, oficinas e negocios para tinguir de negro o noso concello do 23 ao 26 de novembro, como denuncia e mobilización contra as violencias machistas. Con esta acción invitamos a vestir os escaparates e locais comerciais de negro, así como a roupa de traballo, para transmitir así a mensaxe de denuncia e solidariedade coas vítimas da violencia de xénero. O Concello agradece a colaboración da asociación de comerciantes ACIAL, que participa distribuíndo entre todos os comercios o material desta campaña, e tamén a de todos os laurentin@s que colaboran con esta causa”.
A rexedora municipal engadiu: “dende a Concellería de Servizos Sociais facemos un chamamento á participación nos actos públicos que porán punto final á citada campaña e que se levarán a cabo este domingo, día 26 de novembro, ás 13:30 horas na Praza do Conde Santo. Para ese día no Cantón está programado un recital de poesía nas voces de Dolores Villasuso e Esperanza Pérez e co acompañamento da música de Antón Expósito. A continuación terá lugar a lectura dun manifesto en contra da violencia de xénero. Neste acto sairán á praza e estarán presentes as figuras dos Cocos de Lourenzá, que tamén vestirán de negro co lema En negro contra as violencias, sumándose a ese escenario en negro de repulsa e rexeitamento de toda a cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres”.