Foz, 2 de novembro de 2017. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anuncia que o Concello xa non ten lista de espera para atención a persoas dependentes. Durante os pasados meses de setembro e outubro incrementouse en 28 o número de usuarios deste servizo, co que son 90 as persoas que o reciben na actualidade.
O rexedor municipal anunciou hoxe que “unha moi boa noticia con respecto aos dependentes do noso concello, porque xa non existe lista de espera a día de hoxe de demandantes de dependencia. Todos aqueles que están catalogados con algún dos grados (grado tres, que é o máis grave, grado dous e grado un) teñen servizo de atención á dependencia”.
Javier Castiñeira salienta que “é un fito do que queremos informar aos nosos veciños posto que é un servizo moi importante para os nosos maiores, para as familias que desgraciadamente teñen algún dos membros con algún tipo de discapacidade ou limitación que coartan moito a vida diaria de todas estas familias”.
O alcalde de Foz explicou que “en total estanse dando arredor de 3.900 horas ao mes. Incrementáronse en cinco anos máis de tres veces e media, pois pasamos no ano 2011 de dar arredor de mil horas a estar agora dando preto de 3.900”.
Castiñeira di que “é unha aposta importante da Xunta de Galicia, concretamente da Consellería de Política Social, e vemos que no noso concello houbo un incremento importante ata chegar a estar no día de hoxe sen ningún tipo de dependente na lista de espera. Todos os demandantes de dependencia en Foz a día de hoxe están sendo atendidos polos servizos municipais. Pasamos de 25 dependentes no 2011 a cubrir agora a case 90 familias ao mes. Sabemos que é un servizo moi importante que axuda a conciliar a vida diaria de todas estas familias que sofren moitas veces que un membro da familia estea nunha situación complexa de saúde e que teña unha necesidade de servizos importante; libera a membros da familia para poder facer cousas tamén necesarias no fogar. Estamos moi contentos. Esperamos seguir nesa mesma liña e con cero dependentes en lista de espera no concello de Foz durante moitos meses”.