Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz mercou unha camioneta para a recollida de residuos que servirá para mellorar este servizo municipal

231117 O ALCALDE DE FOZ COA NOVA CAMIONETA PARA A RECOLLIDA DE RESIDUOSFoz, 23 de novembro de 2017. O Concello de Foz acaba de recibir unha camioneta para a recollida de residuos que foi mercada cun financiamento do 70 por cento por parte da Xunta de Galicia. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explicou que é un vehículo moi versátil para acceder a lugares onde chegar cos camións grandes é máis difícil, e servirá para mellorar o servizo municipal de recollida de residuos.
O rexedor anunciou que “o Concello de Foz ven de recibir unha camioneta de recollida de residuos. Unha camioneta que foi financiada no 70 por cento pola Xunta de Galicia a cargo do Fondo de Compensación Ambiental e o outro 30 por cento con fondos do propio Concello”.
Javier Castiñeira explicou que “é unha camioneta moi versátil, especialmente para sitios complicados. A dedicación que ten pensada o Concello, sobre todo en verán, é como suplemento da recollida de residuos que se fai durante a noite cos camións grandes”.
O alcalde salienta que “esta camioneta o que nos vai permitir é ter un servizo de recollida en zonas de moita actividade de hostalería, como se facía o ano pasado cun remolque pero agora xa cun vehículo adaptado con contedores e unha capacidade suficiente. Para recoller a media tarde zonas onde hai moitísimo lixo, especialmente orgánico, que pode ser molesto en zonas turísticas. Este vehículo vainos permitir facer esta recollida”.
Castiñeira engadíu que “ademais vai poder recoller tamén en zonas de praias e paseos dunha forma moitísimo máis cómoda e máis versátil, e tamén axudar á recollida en zonas afastadas ou onde non é efectivo meter os camións grandes. Para recollidas complexas ou de contedores en sitios moi localizados esta camioneta vainos permitir complementar o servizo de recollida de residuos para Foz. É un vehículo ecolóxico, que é bifuel, que ten a posibilidade mixta ben de cargar gasóleo ou de facer as cargas con gas”.
O rexedor indica que “é un vehículo máis para a flota do Concello que vai ter un fin moi interesante e sobre todo coa idea de ir mellorando o servizo de recollida de residuos, que é municipal e que se fai con persoal do Concello, e que dende logo necesita ir mellorando especialmente en momentos onde hai moita máis xente”.
Javier Castiñeira subliña que “a idea do Concello loxicamente é seguir mellorando o servizo de recollida de lixo e este vehículo ecolóxico vainos ser de moitísimo apoio, especialmente nos momentos de máis intensidade”.

Exit mobile version