Javier Castiñeira explicou: “reunímonos cos responsables das asociacións culturais, deportivas e tamén o Centro Comercial Aberto, que reciben subvencións municipais por parte do Concello, para tratar de avaliar coa nova interventora todas as subvencións que hai pendentes de xustificar aínda do ano 2016 e as deste ano 2017. O encontro foi para tratar entre todos de ter unha mesma idea á hora de xustificar as subvencións. Sabemos que durante este último ano se aprobou unha modificación da lei de subvencións, que vai afectar a todas as asociacións, e polo tanto trátase de que o Concello informe destas situacións para tratar de levalo o mellor posible”.
O alcalde salientou que “en total no ano 2016 son máis de 220.000 euros os que se reparten entre diferentes asociacións culturais, deportivas e económicas do noso concello, que ao final redundan en cantidade de actos, festivais e outros eventos que se fan no municipio. E para este ano 2017 ampliáronse un pouco as subvencións a grupos de teatro e tamén aos coros parroquiais, que eran os que máis baixas as tiñan. A urxencia é tratar de xustificar durante este ano as do 2016 e ir preparando xa as do 2017”.
Castiñeira dixo tamén que “foi unha reunión positiva para tratar de coordinar a todos os grupos e asociacións para que poidan cobrar nas mellores condicións as subvencións municipais que lles corresponden”.