O rexedor puntualizou que se abordaron diferentes temas relacionados coa actividade comercial, entre os que destacou a presentación do proxecto da obra denominada “Espazo de emprendemento comercial, nave de fundición de Sargadelos”; que estamos a piques de rematar, e que foi concibida ao abeiro dunha subvención procedente da Xunta de Galicia, dunha orde da Consellería de Industria promovida para a creación de espazos de emprendemento comercial no medio rural, que conta cun orzamento de 120.000 euros, 70.000 dos cales foron aportados pola Administración Autonómica; e os restantes polo Concello de Cervo.
Villares sinalou que o que lles trasladamos á Mesa Local de Comercio “foi o enorme potencial que vemos no futuro Centro de Artesanía de Sargadelos, do que xa aprobamos o prego de licitación, e que será destinado á actividade artesanal; xa que “Sargadelos é un enclave excepcional; e o seu nome é coñecido non só en Galicia, tamén fóra dela”.
Pensamos que os asistentes a esta reunión poden facer de intermediarios de este proxecto, contribuíndo a difundilo entre a sociedade, e nomeadamente entre o gremio dos artesáns.
O rexedor tamén anunciou que o vindeiros xoves, ás 12:00 horas, o Concello de Cervo fai unha convocatoria aberta a todos os artesáns para desagregar os pregos de licitación e trasladarlles os requisitos necesarios para albergar os locais habilitados, a tramitación requirida e resolver calquera dúbida que poda xurdir ao respecto. Os interesados que así o requiran tamén poderán ver in situ as instalacións do futuro Centro de Artesanía de Sargadelos.
A xuntanza terá lugar no propio consistorio.