Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello amosará os potenciais de Burela aos asistentes a un curso de turismo que se está a impartir no centro de formación ocupacional

221117 Foto charla turismo Burela 1Burela, 22 de novembro de 2017. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, pronunciou hoxe unha charla no Centro de Formación Ocupacional da localidade, onde se está a impartir un curso sobre turismo desde hai un par de meses. O edil burelés falou do traballo realizado desde o seu departamento e dos proxectos turísticos que se están a desenvolver. Fernández Rey cualificou a experiencia como positiva e anunciou que o Concello convidará a este grupo de persoas a visitar o barco museo Reina del Carmen e tamén a facer as rutas xeolóxicas de Burela.
Ramiro Fernández comentou que “como concelleiro de Turismo convidáronme a participar nun curso de turismo que se está dando no Centro de Formación Ocupacional aquí en Burela, de xente que moitos deles teñen estudos de turismo e outros que non os teñen, pero que están interesados neste tema”.
O edil explicou que “participei hoxe nunha charla moi positiva na que lles explicamos todos os proxectos turísticos que desenvolvemos desde que chegamos ao Concello de Burela e tamén queríamos un pouco para saber as súas inquedanzas e incluso as súas críticas ao que estamos facendo e as achegas que eles tamén poden facer para que o turismo de Burela siga medrando e nos aporten ideas”.
O concelleiro de Turismo asegurou que “a nivel persoal e como concelleiro de Turismo saquei unhas conclusións moi positivas, ademais eles mesmos van facer un traballo no que cada un vaise encargar dun pobo para propoñer iniciativas turísticas para cada pobo en particular. Aquí temos a sorte de que vai ser unha rapaza de Burela a que nos vai facer un traballo do que lle explicamos hoxe analizando os pros e os contras de todo o traballo que se leva facendo, e estou segurísimo de que as conclusións que nos fagan chegar nos van servir para seguir mellorando, e ao mellor tamén para corrixir erros que poidamos estar cometendo desde a propia Concellería, e para encauzarnos un pouco máis profesionalmente no tema do turismo”.
Fernández Rey aplaudiu “a iniciativa que neste caso tivo a dirección do Centro de Formación Ocupacional de invitarnos a participar nesta charla, e esperemos que a cita de hoxe tamén traia froitos positivos para facer novas campañas turísticas de Burela”.
O edil burelés anunciou que “imos invitalos a facer unha visita turística ao barco-museo Reina del Carmen, e tamén xa contactamos co xeólogo que nos fai as rutas xeolóxicas porque queremos que fagan a visita ás rutas xeolóxicas e que descubran todo o potencial turístico que ten Burela, para que o teñan en conta no caso de que algún día teñan a oportunidade de traballar aquí ou nun municipio da zona, e así sexan coñecedores de primeira man de todos os recursos turísticos que temos aquí en Burela”.

Exit mobile version