O Valadouro 6-11-17. Máis de cento trinta arqueiros galegos de todas as idades daranse cita no Pavillón Municipal dos Deportes do Valadouro para a disputa do Trofeo Federación – Xunta de Galicia. A competición, organizada conxuntamente polo Club de Tiro Castelarco e a Federación Galega de Tiro con Arco, está prevista para o sábado 11 e o domingo 12 de novembro. No trofeo estarán presentes algúns dos arqueiros de maior nivel de Galicia e mesmo está confirmada a participación de arqueiros pertencentes ao Equipo Olímpico Español. A probado Valadouro contará con competencia en cinco divisións diferentes —Arco Espido, Arco Tradicional Longbow, Arco Tradicional Instintivo, Arco Recurvo e Arco Composto— tanto en categoría feminina como masculina. Na tarde do sábado —de 15.30 horas a 20.00 horas— terá lugar a competición nas divisións tradicionais de Arco Espido, Arco Tradicional Longbow e Arco Tradicional Instintivo. Na mañá do domingo —a partires das 9.00 horas— será a quenda das divisións de Arco Recurvo e Arco Composto mentres que, pola tarde, se celebrarán as probas nas categorías para menores de 14 anos. O Trofeo Federación – Xunta de Galicia será a primeira ocasión na que O Valadouro acolla unha competición de sala de carácter oficial válida para o ranking autonómico. A cita organizada polo Club de Tiro Castelarco en colaboración coa Federación Galega de Tiro con Arco e recoñecida pola Federación Internacional de Tiro con Arco (FITA) contará tamén co apoio do Concello do Valadouro, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia.
