Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz critica a PSOE e FPF por intentar bloquear a obra de remodelación de Álvaro Cunqueiro

Foz, 22 de novembro de 2017. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, cualifica de lamentable a actitude do PSOE e FPF no pleno celebrado onte, intentando bloquear a remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro porque se non se aprobara onte o proxecto retrasaríase moito a obra. O rexedor engade que esta postura de PSOE e FPF debe de ser porque lles parece mal que Foz progrese e ademais Javier Castiñeira agradece a sensatez do BNG porque permitiu a aprobación do proxecto.
O alcalde manifestou: “dende o equipo de goberno do Concello de Foz consideramos lamentable a actitude tanto de Foz Plataforma de Futuro como do Partido Socialista no pleno de onte, cando intentaron bloquear a toda costa o proxecto para a remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro. Parécenos lamentable que estes dous grupos empecen a pensar xa en clave electoral, que se desmarquen dun proxecto que aprobamos todos os grupos na primeira parte da lexislatura, na que o equipo de goberno viu unha actitude construtiva da maior parte dos grupos, pero a verdade é que agora, vista a actitude de onte, percíbese claramente que tanto PSOE como Foz Plataforma de Futuro están pensando xa nas eleccións do ano 2019”.
O rexedor focense explicou que “non sacar a licitación o proxecto da rúa Álvaro Cunqueiro no ano 2017 sería directamente perder as subvencións, perdelo todo, que non houbese proxecto faría que os convenios que hai coa Deputación non tiveran validez, que houbera que facer uns novos convenios, retrasar varios meses a licitación. E se ese era o obxectivo de PSOE e Foz Plataforma de Futuro é contrario aos intereses do pobo”.
Javier Castiñeira salienta que “este non é un proxecto de ningún grupo político, é un proxecto de pobo, é un proxecto dos comerciantes, é un proxecto de todos os veciños; e vese claramente que Foz Plataforma de Futuro e PSOE se desmarcan totalmente das obras realizadas na Avenida da Mariña. Parece ser que non lles gusta unha actuación que en xeral ten moi boa aceptación por parte de practicamente todos os veciños e comerciantes”.
O alcalde engade que “a estes señores debe de ser que lles parece mal que o pobo progrese e como a obra de Álvaro Cunqueiro é fundamental e de progreso desmárcanse novamente e báixanse dun carro no que estaban montados, no que participaron, no que opinaron e no que se lles tiveron en consideración moitas das súas propostas. Agora están emperrenchados en facer unha segunda exposición ao público sen a recomendación nin do interventor nin do técnico, sempre e cando se quitaran as partes das propiedades que se ven afectadas dos frontes das casas dos número 26, 28 e 32, como así se fixo. Eu creo que estes señores o único que tiñan preparado era unha batería de alegacións para intentar bloquear o proxecto, crear negatividade, que eu creo que vai ser o que estes señores fagan, e intentar usar politicamente un proxecto do pobo, o que desde logo non ten moito sentido”.
Castiñeira quixo “agradecer a sensatez do Bloque Nacionalista Galego, que pediu un receso e reconsiderou a súa opinión inicial vendo que podíamos estar ante unha situación moi complexa porque podíamos perder os 700.000 euros que ten de financiamento a Deputación para este proxecto e que podíamos retrasar moitísimo a obra, porque dende logo suporía non sacar a licitación o proxecto neste ano. Simplemente quero agradecer a actitude do BNG”.
O rexedor indica tamén: “no próximo pleno ordinario PSOE e Foz Plataforma de Futuro teñen unha nova oportunidade para volver a montarse no carro da obra e do progreso do concello, porque no próximo pleno ordinario irán xa os pregos definitivos e a proposición de exposición da licitación da obra, co que salvaremos o primeiro prazo deste proxecto, que é sacalo a licitación durante o ano 2017”.

Exit mobile version