Ribadeo, 22 de novembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, segue agardando desde hai máis dun ano por unha resposta da Xunta de Galicia á solución transitoria e gratuíta proposta para o xulgado de paz de Ribadeo. O rexedor está disposto a ceder un local municipal para que os traballadores poidan desenvolver a súa labor do mellor xeito posible. Trátase da antiga oficina de turismo.
Suárez Barcia lembrou unha vez máis que “se ben o edificio do xulgado de paz é de titularidade municipal, as competencias en xustiza non o son, sobre todo despois da modificación da lei do Estado 27/2013 de réxime local que di que as competencias en xustiza non son dos concellos, senón da comunidade autónoma ou do Estado. Polo tanto parece pouco menos que un insulto que dunha maneira absolutamente discrecional soamente poidan desde a Xunta dar 26.000 euros en materia de pintura, algo de calefacción e pouco máis cando o que se necesita é unha rehabilitación estrutural, que suporía un desembolso (como xa dixemos no seu día) de 190.000 euros”.
O alcalde engade que “a carta enviada a Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e titular de Xustiza, en setembro de 2016 segue estando en vigor no día de hoxe, e un ano e pico despois seguimos a agardar por unha resposta en Ribadeo”.
Fernando Suárez proponlle á administración autonómica outra actuación: “senón están conformes coa cesión da antiga oficina de turismo, o que poden facer é desde a Xunta ceder algún deses baixos que están sacando á venda, situados nas vivendas sociais, e que se atopan a moi poucos metros do local proposto polo Concello. Se non queren dar cartos para arranxar algo que a nós non nos corresponde, o que poden facer é habilitar un lugar para os que traballadores do xulgado de paz, que son traballadores da Xunta, poidan facer a súa labor do mellor xeito posible”.