Site icon Crónica3.com A Mariña

Música e teatro figuran na axenda cultural de Ribadeo para a vindeira fin de semana

Foto O Inspector 4Ribadeo, 23 de novembro de 2017. Esta fin de semana en Ribadeo terá lugar o concerto de Santa Cilla da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que será o sábado e o domingo o grupo de teatro de Ribadeo levará O inspector ata Cinxe. Ademais mañá, ás 12 horas no Cantón, serán os actos do día internacional contra a violencia de xénero, e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anima a participar nesta xornada lúdica e reivindicativa.
O edil ribadense manifestou que “desde o Concello de Ribadeo queremos convocar a todos os veciños e veciñas, e tamén a aquelas persoas que estean de paso pola nosa vila, este venres 24 ás doce do mediodía no Cantón a conmemorarmos entre todos o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Nun acto lúdico, festivo e reivindicativo, entre todos e todas poñeremos un xa está ben de tanta violencia machista contra as mulleres”.
Farruco Graña anunciou que “o sábado pola tarde celebraremos o concerto dedicado a Santa Cilla, realizado pola Banda Municipal de Música de Ribadeo. Será no Teatro ás oito e media da tarde. E o domingo 26, unha novidade que non estaba incluída na programación, o grupo de teatro de Ribadeo dirixido por Toni Deaño vai representar O inspector, de Nikolái Gógol, será ás seis e media da tarde na escola de Cinxe. Non estaba incluído este acto na programación, posto que estabamos pendentes de ubicar a representación que non puido terse realizado na primavera pasada por indisposición dalgún dos membros do grupo de teatro”.
O concelleiro de Cultura lembrou que “ao longo de todos estes días e ata o 13 de decembro, poderemos contemplar as fotografías de Peter Schneider, un fotógrafo alemán que está afincado na nosa terra e que ten unha exposición que leva por título Tempo escuro. Trátase dunha exposición dedicada a aqueles tristes e negros días posteriores ao afundimento do Prestige nos que as nosas praias e as nosas costas se cinxiron de negro. Rememorar para lembrar con que actitude cívica e con que afouteza fixemos fronte a unha situación calamitosa. A arte ao servizo do espírito crítico e ao servizo tamén da beleza posto que as fotografías de Peter Schneider ben paga a pena velas, tanto por cuestión estética como pola denuncia que representan. Na sala de turismo en horario de apertura da oficina de turismo Tempo escuro, de Peter Schneider a disposición de todos e todas nós”.

Exit mobile version