Mondoñedo, 23 de novembro de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anuncia que levará ao Pleno que celebrará a Corporación este mes a modificación de ordenanzas do IBI, IAE e ICIO para ser Concello doing business.
Deste xeito, a entidade local mariñana súmase a esta plataforma impulsada pola Consellería de Emprego, Economía e Industria, que ten como principal liña de actuación a reducción de cargas administrativas para as empresas (http://ceei.xunta.gal/doingbusiness), e que este departamento está a explicar en reunións e enviando a principais empresas españolas.
O obxectivo último desta adhesión é fomentar a implantación e fixación de empresas no municipio e, por tanto, de asentar poboación no municipio.
Concretamente, a través desta iniciativa, ofreceranse máis incentivos fiscais, simplificación da carga administrativa e facilidades de acceso ao solo empresarial para incentivar a creación de empresas en Mondoñedo; “o que traerá consigo o mantemento dos postos de traballo existentes e a xeración de novas oportunidades laborais e económicas”.
“Ao ser Concello Doing Business, remarca Elena Candia, Mondoñedo poderá beneficarse de medidas que a Xunta poña en marcha para apoiar o tecido empresarial, é dicir, daquelas axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento”.
Beneficios que ofrece
Entre os incentivos que ofrece este proxecto están a bonificación de ata o 95% (ata o 95% de bonificación cando se creen máis de 20 postos de traballo; como mínimo o 75% cando sexan entre 11 e 20 empregos; e como mínimo do 50% pola creación de ata 10 empregos) no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, sempre e cando garantan a creación de emprego”.
Tampouco esixirán taxa por licencia de obra e apertura en todos os proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, que conleven a creación de novos postos de traballo e o seu código CNAE corresponda con algunha actividade económica incluida no eido da Industria 4.0 e a RIS3.
Asemade, a concesión das licenzas de obra maior terá un prazo máximo de 30 días naturais desde que o concello dispón de todos os informes. “Con respecto ao solo empresarial, fixaranse prezos competitivos establecendo bonificacións e incorporará a súa oferta o dereito de superficie”, sinala a rexedora.