Lugo, 22 de novembro de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este mércores no salón de actos do Pazo de San Marcos o encontro de rugby feminino entre Galicia e Aragón que terá lugar o vindeiro domingo 26 de novembro, a partir das 13:00 horas, no Estadio Gregorio Pérez Rivera, correspondente á terceira xornada do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. O Goberno da Deputación colabora coa Federación Galega de Rugby na celebración deste evento cunha achega de 3.000 euros para promover o deporte feminino na provincia de Lugo. No acto tamén participaron o Presidente da Federación, José Ignacio Cociña Iglesias, e a xogadora do Muralla Rugby, Carmen Janeiro Sueiro, xunto a outras autoridades.
Rivera Capón subliñou que “é unha honra poñer en marcha iniciativas no eido deportivo e, especialmente no eido do rugby, vinculadas ao deporte feminino. Xa colaboramos na homenaxe que se fixo fai un par de meses tamén aquí en Lugo. Agora presentamos este novo evento, un partido que vai a reunir as seleccións Galega e de Aragón. Por iso, quero resaltar a aposta que estamos a facer dende o Goberno da Depuación polo rugby e polo deporte feminino, pois colaboramos con clubs como o Muralla que está a facer un traballo importante e cunha longa tradición na provincia de Lugo. Hoxe quero convidarvos a todos a participar nesta xornada, que de seguro será un gran éxito”.