Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concello prestan atención profesional diaria a unha ducia de maiores con Alzheimer a través de AFA Viveiro

IMG-5765Lugo, 22 de novembro de 2017. A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, mantiveron este mércores un encontro con usuarios de AFA Viveiro (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias), xunto ao Presidente deste colectivo, José Amador Fernández Pérez, e varios membros da xunta directiva. Fixérono para coñecer in situ os resultados das varias colaboracións que Deputación e Concello manteñen con AFA Viveiro e que permiten ofrecer atención profesional diaria a unha ducia de viveirenses que sofren esta enfermidade.

As axudas dos Gobernos de Deputación e Concello a AFA Viveiro fan posible que este colectivo conte, ademais do psicólogo propio xa da súa plantilla de traballadores, con outros 3 profesionais que coidan diariamente a 13 persoas que presentan perda de memoria asociada á idade ou un deterioro cognitivo leve. Todos os usuarios son na súa maioría de Viveiro e algúns do Vicedo e Ourol, municipios limítrofes. Fano nun local municipal, que lles presta de xeito gratuíto o Executivo local. Nestas instalacións, desenvólvense 3 veces á semana talleres especializados e actividades de estimulación cognitiva (son 90 minutos por sesión) grazas á colaboración do Executivo Provincial.

Son 6.000 euros os que decidiu achegar o Goberno da Deputación a AFA Viveiro para poder levar a cabo dita programación. Estes fondos permiten contar con persoal e medios especializados cos que desenvolver exercicios de memoria, como a aprendizaxe de regras mnemotécnicas; exercicios de atención visuais e auditivos, como sudokus ou labirintos; actividades de cálculo mental; orientación espacial e temporal; e de linguaxe, con xogos de palabras e exercicios de narración.

Loureiro García destacou que “o Concello de Viveiro sempre estará ao carón desta asociación polo seu importante labor, por iso decidimos ceder un espazo municipal para que poidan realizar as súas actividades durante todo o ano, ademais de financiar os custos laborais de 3 coidadoras que atenden aos doentes de AFA Viveiro”. López Izquierdo explicou que “reforzamos o importante labor do Concello na atención dos maiores con Alzheimer, traendo a Viveiro unha programación de actividades especializada na atención de persoas que sofren esta enfermidade. Representamos a dúas institucións sumamente sociais e coas persoas onde a nosa prioridade é mellorar e dignificar a calidade de vida dos nosos veciños, sumando esforzos para atender aos lucenses que máis o necesitan, como os usuarios de AFA Viveiro”.

Colaboración con todos os colectivos de Alzheimer da provincia
O Goberno da Deputación colabora con todos os colectivos da provincia que atende a lucenses con Alzheimer, así como ás súas familias, con preto de 50.000 euros, que permiten aos seguintes colectivos ofrecer atención profesional diaria: AFA-Chantada, AFA-Monforte, AFA-LU e AFA-Viveiro. López Izquierdo subliñou que “aínda que non temos as competencias directas nesta materia, dende este Goberno, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, cremos que é necesario axudar aos máis de 10.000 lucenses que sofren esta enfermidade e ás súas familias, que en moitas ocasións son as grandes esquecidas. Por iso, sumamos esforzos con todos os colectivos implicados neste eido que hai na provincia e que prestan atención profesional a través de, por exemplo, terapias de estimulación cognitiva e psicomotriz, obradoiros de memoria ou mesmo asistencia ás familias”.

AFA Viveiro
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Viveiro é un colectivo sen ánimo de lucro fundado en 2005 que ten como fin que os doentes acaden o maior grao de autonomía posible e potenciar as relacións e actividades sociais, evitando deste xeito o illamento destas persoas. A asociación posúe un local cedido polo Concello de Viveiro, ademais de contar con varios profesionais, como unha psicóloga e 3 coidadoras, estas últimas, financiadas tamén polo consistorio. AFA Viveiro ofrece información, orientación e asesoramento ás familias dos doentes, así como atención psicolóxica e formación. Ademais, presta servizo de podoloxía e terapias semanais de estimulación e mantemento cognitivo par os enfermos grazas á colaboración da Deputación de Lugo.

Exit mobile version