Mario Crecente, un dos técnicos que acudiu á exposición do Plan Especial das Catedrais, referiuse a un estudo que “tedes accesible en internet co nome O turismo na praia das Catedrais, que fala de que na praia das Catedrais pode haber un millón de visitantes no ano 2021. Esa é a cifra que ten agora mesmo Stonehenge, moito máis do que teñen outros nove sitios que estudamos en detalle e que teñen un problema semellante: moitos visitantes, concentrados no tempo, espazos de valor natural, condicións de accesibilidade complexas pola súa ubicación, etcétera. Entonces o que non se pode é abordar un fenómeno tan complexo como este sen ter as referencias ou os datos do que están a facer noutros sitios. Por iso no escenario final que propoñemos nós facemos unha comparación entre o que pasa neses sitios e o que debería pasar con este plan en Ribadeo”.
Crecente dixo que “normalmente os datos que nos dan son da praia, pero o monumento natural é bastante máis que a praia. E de feito cando un visitante accede ás Catedrais sen mirar ben a táboa de mareas co que se queda é coa vista ou coas actividades que poida facer nos cantís, no entorno, etcétera. E esa idea de que todo iso forma parte do monumento natural e que desde unha comprensión xeolóxica se estendería ata Ribadeo e máis aló é unha das cousas que se quere comentar, pero falando exactamente do obxecto protexido, que é o monumento natural, as cifras son maiores que as que temos habitualmente, que só se refiren ao areal”.
E insistiu en que “non é só os visitantes que teñamos agora, senón que se isto se mantén os visitantes que imos ter. E a referencia que se fai ao 2021 é directa: se non hai unha hecatombe ou un problema de saúde global ou económico en Europa os números din que con un Xacobeo ás vistas temos un incremento de visitantes asegurado. E o caso é saber como actuar para iso e como, se os visitantes van seguir vindo, organizalo, xestionalo e intentar no posible transformar visitantes en turistas”.
Mario Crecente engadiu que “os problemas que agora escoitades desde Venecia ata Santiago son da xente que non pernocta, porque coa pernoctación podes ter algún rendemento social ou económico para a vila ou para o territorio onde estás. Qué facer para o que visitante se transforme en turista ten que ver coa interpretación, coa explicación e atención que se lle dea, coa forma de chegar, co que disfrute chegando e saíndo, con que vexa as cousas que se poden facer en Ribadeo: se hai Indiano, festa, feira, concurso de tapas ou se Ana inventa outra cousa máis. Pero tamén que pode facer na comarca e que Ribadeo poda ser un sitio desde o que ir a outros lugares a ver outras cousas. Para iso hai que ter medios e en turismo estaredes moi acostumados a que se fale sempre de promoción porque é moito máis fácil que a ordenación. Pero non pode haber sostibilidade no turismo se non hai ordenación. Se nos equipos que están nisto non hai urbanistas, non hai xente que traballe no medio ambiente natural e que teña un pouco de idea de cómo funciona isto do turismo, se non se ordena é moi difícil aspirar a que o turismo sexa sostible”.
Crecente manifestou: “entonces este documento, que por unha parte é sinxelo e por outra é complexo, intenta poñer orden na futura xestión turística e marcar un guión ou unha forma de comportarse ou de traballar que poida servir ao Concello para ordenar isto, porque tamén é verdade que o fenómeno das Catedrais non é de Ribadeo porque afecta a Galicia e a España, que ten unha repercusión internacional. E como tal terá que ter o interese ou a participación dalgunha maneira doutras entidades e doutras administracións, como sucede noutros lugares”.
Noutro momento da súa intervención diante dos concelleiros ribadenses e da prensa indicou que “aquí poñemos o exemplo de que calquera entendería hoxe que na Praza do Obradoiro nin se pode aparcar, nin se pode montar un bar nin un restaurante. Isto é un monumento natural, ten o máximo nivel de protección de todas as figuras que existen, máis que un parque nacional. Nós o que facemos é aplicar esas figuras. Todo o mundo pensa que o monumento natural é a praia, e non. O monumento natural é esa liña vermella que son a praia, os cantís, as condicións xeográficas, as prantas… Nós o que estamos é aplicando a lei. Respecto ao propietario privado entendémolo perfectamente, nós faríamos valer os nosos dereitos como fará el. Pero loxicamente un plan faise desde o punto de vista da ordenación do conxunto dos valores públicos, de sacar o maior partido diso, de maximizar os valores naturais, eses que fixeron que isto se declarou, e tomar iso coas distancias e coas medidas necesarias. Se As Catedrais estivera hoxe en 5.000 visitantes ao mellor non estábamos plantexando nada disto, pero é que está en 600.000, e dicimos que pasado mañá vai estar en 1.000.000 de visitantes, e se non facemos algo non imos ter As Catedrais, teremos outra cousa pero As Catedrais non”.
Pola súa banda, Alberte González, outro dos técnicos que participou nos actos de presentación de hoxe declarou que “nós tivemos claro desde o principio que a importancia do monumento como tal era supramunicipal, supraautonómico, internacional se queremos, pero falando do ámbito directo da xestión hai que pensar tamén o monumento como parte do concello de Ribadeo. É dicir que esa importancia do monumento se ten que diluír, se ten que estender ao resto do concello, para que determinadas actividades, determinados fitos turísticos do propio concello sirvan tamén como filtro na propia xestión do monumento, e sirvan como elemento que tamén regulen o acceso ao monumento, e así tamén se estenda o beneficio da propia existencia aquí da praia de As Catedrais ao resto do concello. Iso para nós tamén era importante que quedara claro. Iso loxicamente se regula a través dese programa de goberno do monumento unha vez que se aprobe o plan, é dicir como se regulan os accesos, como se pode establecer un medio de transporte directo desde Ribadeo ata alí, como podemos convencer a Adif para que poida haber un transporte ferroviario fácil, áxil, barato e regular entre determinados puntos, de tal maneira que esas puntas de concentración que se dan no monumento en determinados momentos leve esa filtraxe, que permita unha amortigüación do seu efecto, iso tamén é importante. O plan especial é unha ferramenta, é o primeiro paso pero non é o único. A partir de aquí empezamos a andar, temos marcado un camiño, pero temos que seguir gobernando a nave ata chegar ao porto”.
Sobre o proceso de expropiación e futura demolición do establecemento hostaleiro radicado a carón das Catedrais Alberte González pensa que “non ten necesariamente que demorarse moitos anos porque nas últimas reformas lexislativas da lei do solo e do regulamento estes procesos expropiatorios teñen unha pauta temporal bastante determinante, que simplemente suscitan controversia non no propio proceso de expropiar senón no valor do expropiado, e iso é algo que se pode dirimir nos tribunais, aínda que xa estea derrubado o edificio. Eu espero que o propio propietario presente as súas alegacións, que serán atendidas como as do resto loxicamente, pero que iso poida supoñer un retraso, non son xurista pero entendo que non, que non debera supoñer un atranco temporal”.
O Plan Especial das Catedrais atópase na fase de aprobación inicial, por diante quedan a aprobación provisional e a definitiva. Os técnicos confían en que estea totalmente listo para proceder á súa aplicación a finais de 2018 ou xa en 2019.